A Xunta renova coa Fundación Secretariado Xitano a colaboración coa que se prestou axuda a máis de 140 vítimas de violencia de xénero desde 2019

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar un novo convenio para o desenvolvemento de accións para sensibilizar e prever a violencia de xénero dentro da comunidade xitana en Galicia

Entre os obxectivos tamén se atopa mellorar e reforzar a capacidade tecnolóxica das mulleres para paliar e frear a fenda dixital

Máis de 100 homes participaron nas accións de sesibilización en materia de igualdade que a esta entidade desenvolve co apoio da Xunta
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.-

Xunta e Fundación Secretariado Xitano (FSX) veñen de acordar un novo convenio de colaboración co fin de sensibilizar sobre a igualdade de xénero entre a comunidade xitana, así como desenvolver un programa integral de apoio ás mulleres xitanas que sofren violencia de xénero. No marco do mesmo, englóbanse accións para capacitar as mulleres no eido das novas tecnoloxías para contribuír a mellorar as súas oportunidades laborais e frear a fenda dixital.

Máis de 140 mulleres foron atendidas desde 2019, no marco desta colaboración, a través dos programas de atención e apoio integral para mellorar a situación da muller xitana pola dobre discriminación que sofre, por ser muller e por ser xitana.

A Xunta aportará 25.000€ de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero á FSX para que poida ofrecer estas actividades entre a comunidade xitana. As achegas suman 100.000€ desde 2019, cando se iniciou a colaboración.

Grazas a esta iniciativa desenvolveranse accións de sensibilización de igualdade de xénero e de prevención da violencia machista dirixidas tanto a homes como mulleres, de todas as idades, para promover as relacións igualitarias entre ambas partes da parella. Máis de 650 persoas participaron nestas actividades nos últimos tres anos, destacando o aumento da presenza masculina, pois pasou dos 20 homes en 2019 aos 113 homes en 2021.  

Amais, esta colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén permite desenvolver actos entre a comunidade xitana durante o 25N, o Día internacional contra a Violencia de Xénero, nos que tomaron parte 160 mulleres desde 2019.