O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o conselleiro do Medio Rural acudiron a esta nova edición de entrega dos Premios Ribeiro 2022

A Xunta destaca que a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia é clave no impulso á internacionalización deste sector

O Goberno galego destacou a súa aposta pola revalorización da terra mediante ac-tuacións en ladeiras históricas e co impulso á calidade e á diferenciación das varie-dades autóctonas

Diego Calvo puxo en valor a calidade e a singularidade dos viños galegos, así como o potencial do sector vitivinícola para combinarse con outros ámbitos como o turismo para acadar unha maior proxección internacional e contribuír á promoción das zonas de produción

José González sinalou que a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia se van a recuperar en torno a 300 ou 400 hectáreas mediante a implantación de po-lígonos para viñedo
 

A Coruña, 16 de xuño de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Ourense, Gonzalo Trenor e Gabriel Alén, acudiron hoxe a unha nova edición da entrega dos Premios Ribeiro 2022, que se celebrou na Coruña. Alí, destacaron que a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector, é unha peza clave na internacionalización deste sector produtivo.

 

A isto súmase, tal e como sinalaron ambos dirixentes, a futura Lei da calidade alimentaria, que vai impulsar de maneira notoria as producións agroalimentarias galegas en xeral, entre elas os viños. Así, esta norma ten como principal obxectivo procurar unha nova dimensión no mercado nacional e internacional para os produtos galegos, favorecendo ao tempo o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, así como proporcionando ás persoas consumidoras todas as garantías.

 

Ademais, os representantes do Goberno galego destacaron a aposta da Xunta pola promoción da extraordinaria calidade e prestixio da produción agroalimentaria galega en xeral e dos viños e augardentes en particular. Neste senso, cabe sinalar que a Xunta destina para este ano 2022 un total de 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos diferentes consellos reguladores dos viños e augardentes galegos, así como para financiar o seu labor de control da calidade e de promoción nos diferentes mercados.

 

No encontro, o  vicepresidente segundo da Xunta incidiu pola posta en valor deste sector en combinación con outros como o turismo co obxectivo de reforzar a promoción e proxección internacional das denominacións de orixe vitivinícolas, ao mesmo tempo que, deste xeito, se contribúe a potenciar as zonas de produción como atractivos turísticos. Nesta liña, sinalou a necesidade de promocionar a calidade dos viños galegos e difundir a súa identidade vinculada aos territorios nos que se producen.

 

Na súa intervención, Diego Calvo, recoñeceu o labor dos profesionais deste sector para ofrecer “viños singulares e diferenciados de sabores únicos que nada teñen que envexar aos doutros lugares do mundo”. Por iso, invitou aos amantes do viño e aos viaxeiros a desfrutar de experiencias turísticas nas que descubrir os caldos do Ribeiro e a súa vinculación co territorio, en concreto, coa súa cultura, a súa historia e patrimonio ou as paisaxes da súa contorna.

 

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural recordou o compromiso do Goberno galego co rural e co sector vitivinícola, que se plasma tamén na aposta polas variedades autóctonas e coa necesaria recuperación de zonas históricas de viñedo. Precisamente a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia é a que ten por obxecto esta revalorización que, coas súas actuacións, porá en funcionamento no Ribeiro diferentes polígonos para viñedo en torno a unhas 300 ou 400 hectáreas de superficie. Neste sentido, o labor de recuperación de zonas emblemáticas e a efectividade do desenvolvemento da lei traducirase nunha mellora da produtividade e competitividade desta comarca vitivinícola.

 

Seguindo con esa recuperación, José González puxo tamén en valor a figura das aldeas modelo, posto que son un exemplo de mobilización de terras. Na comarca do Ribeiro, engadiu, están xa declaradas e en funcionamento as de Penedo (Boborás), Osmo (Cenlle) e Muimenta (Carballeda de Avia). Neste senso, o conselleiro sinalou que, xa nunha segunda fase, recuperarase arquitectonicamente a parte urbana destas aldeas a través dos plans de dinamización, cuxos tres primeiros pilotos van ser precisamente nestas tres aldeas do Ribeiro.

 

Nesta liña, o conselleiro recordou que no marco das axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo -e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria-, desenvolveranse 28 proxectos nun total de 14 concellos, por un importe de case 1,1 millóns de euros. Destas achegas, engadiu, as aldeas modelo de Penedo, Osmo e Muimenta beneficiaranse en total de algo máis de 300.000 euros.   

 

Así, seguiu o titular de Medio Rural, recuperaranse as edificacións das aldeas respectando a arquitectura tradicional pero implementando criterios de sustentabilidade medioambiental, de eficiencia enerxética e de conectividade dixital. Xa que, insistiu, para garantir a remuda xeracional no rural galego hai que dinamizar o conxunto do territorio. Outra mostra disto é preciamente o Plan de dinamización e valorización do contorno do encoro de Castrelo de Miño, que permitirá desenvolver os valores patrimoniais, paisaxísticos, medioambientais e turísticos desta comarca.

 

Finalmente, ambos dirixentes destacaron e agradeceron o labor dos milleiros de persoas que están vinculadas ao sector vitivinícola galego. Así mesmo, subliñaron a importancia deste tipo de eventos, xa que serven como ventás para amosar a traxectoria e a potencialidade do sector. Mostra diso é que os viños galegos de calidade diferenciada, como son os do Ribeiro, están presentes en máis de 80 países polo mundo adiante, o que afirma que o futuro do sector é esplendoroso.

Imaxes relacionadas