Martina Aneiros recibe a representantes de CC.OO. para abordar as oportunidades de desenvolvemento a nivel industrial da comarca

Ferrol, 16 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta tarde unha reunión co secretario xeral de CC.OO. Ferrol, José Hurtado, e o secretario de Organización, Santiago Díaz, para abordar a situación actual da industria na comarca de Ferrolterra e as oportunidades de desenvolvemento que se poidan abrir de cara ao futuro.

Os representantes sindicais trasladaron á delegada as súas achegas sobre o asentamento de novos proxectos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal das que a representante do Goberno autonómico tomou nota para o seu estudo. Neste sentido, Aneiros salientou a importancia de fomentar espazos eficaces de colaboración entre as administracións e os axentes sociais de cara á reactivación económica.

A reunión se enmarca dentro da rolda de encontros que a delegada territorial da Xunta ven mantendo nos últimos meses con concellos, entidades e axentes sociais para tomar o pulso á comarca e detectar novas oportunidades económicas e, máis en concreto, no eido industrial.

 

Imaxes relacionadas