Valentín García participa na entrega do Premio de Novela Camiño de Santiago á obra ‘Cruzados polo camiño’ de José G. Barral

Trátase dun galardón impulsado pola Academia Xacobea que conta co apoio da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística tamén interveu na presentación do poemario ‘A mar, amar’ de Xosé Luna

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no auditorio de Afundación na entrega do Premio de Novela Camiño de Santiago que nesta segunda edición recaeu na obra Cruzados polo camiño. Conxecturas compostelás sobre un Papa ilustrado, de José G. Barral.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou ao premiado “polo recibimento deste galardón literario na nosa lingua e polo resultado final dun relato ben contado, que nos achega a todos ao Camiño de Santiago e invita a aqueles que non o poidan percorrer a facelo a través destas páxinas e dende as súas casas”. Tamén fixo fincapé na “necesidade de seguir traballando na creación deste tipo de premios no ámbito literario, que estimulan a produción e a edición en galego”.

 

No encontro, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta e a Editorial Galaxia, tamén participaron Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, e José G. Barral, autor da obra premiada.

 

Nesta obra Barral narra as aventuras dun sacerdote que investiga estraños atentados contra igrexas vinculadas á peregrinación a Santiago, mentres as autoridades se preparan para recibir coa seguridade necesaria unha visita do Papa a Compostela. Mestura o xogo de investigación sobre os retos da relixiosidade en épocas de tendencia secular, levándonos por escenarios simbólicos, emocionais e reais do Camiño.

 

Poemario de Xosé Luna

De seguido, Valentín García trasladouse á Capela Real do Hostal dos Reis Católicos para asistir á presentación do libro do escritor estradense Xosé Luna Sanmartín A mar, amar, un poemario no que navega polo mar e por todo o vinculadoa el apoiándose nos sentimentos.

 

Xunto ao secretario xeral de Política Lingüística estiveron presentes o propio autor, Xosé Luna; a ilustradora do título, Olaya Naveira; o crítico literario Armando Requeixo, Beatriz Quintela, directora do IES Nº1 da Estrada, Beatriz Quintela, e a concelleira de Educación da Estrada.

 

Baixo o selo da Editorial Bolanda, Luna Sanmartín fala desta obra como un espazo no que puido dar renda solta á espiritualidade, navegando “os sete mares e arquipélagos paradisíacos” para canalizar “emocións, lembranzas e ilusións” sobre o papel.

 

A cerimonia, que estivo amenizada por recitais músico-poéticos da man da Coral Polifónica de Berres, de alumnos do IES Nº1 da Estrada e dos CEIP do Foxo, de Oca e Xesús Golmar, concluíu coa actuación do cantautor galego Manoele de Felisa.

Imaxes relacionadas