Román Rodríguez agradece o labor de mecenado de Afundación ao traer a Galicia unha das exposicións máis representativas da arte contemporánea cubana

O conselleiro de Cultura participa en Vigo na inauguración de ‘Soños dun navegante. Colección de Arte Cubana Contemporánea Luciano Méndez Sánchez’

 

Vigo, 16 de xuño de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da exposición Soños dun navegante. Colección de Arte Cubana Contemporánea Luciano Méndez Sánchez, organizada por Afundación, á que agradeceu o seu labor de mecenado con proxectos artísticos e culturais como este, “unha das retrospectivas máis ambiciosas e representativas sobre a arte contemporánea en Cuba”, sinalou.

 

O titular de Cultura da Xunta salientou o “esforzo documental e museístico” desta mostra para a que se contou coa colaboración de Luciano Méndez, “un dos maiores coleccionistas de arte cubano e un dos grandes divulgadores da realidade artística da illa caribeña”. Neste sentido, está composta por unha escolma de pezas desde os anos 50 ata a actualidade en formatos como a pintura, a fotografía, a escultura, o debuxo, o gravado ou a vídeo-instalación.  

 

Román Rodríguez referiuse ao talento e capacidade dos novos creadores que integran a retrospectiva así como os lazos históricos que unen aos cubanos e galegos como elementos que sustentan o interese para Galicia de albergar esta exposición que servirá para “arroxar luz sobre a forma na que Cuba se retratou a si mesma a través do tempo”, subliñou.

Imaxes relacionadas