A Xunta prorroga un mes máis a extracción de mexilla nos bancos naturais co obxectivo de facilitar o labor do sector bateeiro

A autorización amplíase ata o próximo 15 de xullo nas provincias da Coruña e Pontevedra tralas solicitudes presentadas nos últimos días por tres asociacións de produtores de mexillón da comunidade

A medida non se aplica ao ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde non se poderá extraer o recurso

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022 A Consellería do Mar vén de aprobar unha nova prórroga do período de extracción de semente de mexillón en bancos naturais das provincias da Coruña e Pontevedra estendendo a autorización un mes máis, ata o próximo 15 de xullo. As resolucións emitidas polas xefaturas territoriais da Consellería nas dúas provincias dan resposta ás solicitudes presentadas nos últimos días por tres asociacións de produtores de mexillón e pretenden facilitar o labor do sector na recollida de mexilla para encordar nas súas bateas.

Esta prórroga extraordinaria supón autorizar a actividade entre as 07,00 e as 20,00 horas -excluídos os sábados, domingos e festivos- respectando as zonas de explotación exclusiva de percebe establecidas na orde do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia para o trienio 2022-2024. A resolución tamén recolle a prohibición de extraer semente de mexillón no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Esta ampliación do período de extracción encaixa coas propostas trasladadas aos representantes dos bateeiros en distintas reunións nos últimos meses co obxectivo de facilitar o desenvolvemento do seu traballo. Entre esas medidas, que seguen sobre a mesa, está a posibilidade de manter a extracción de mexilla todo o ano, de flexibilizar o número de cordas colectoras ou de crear hatcheries para a produción de semente de mexillón.

A Xunta segue a traballar na explotación sustentable dos distintos recursos mariños e mantén a súa vontade de diálogo co sector co obxectivo de avanzar neste eido. De feito, os técnicos da Consellería do Mar están a analizar as zonas limitadas á extracción de mexilla coa finalidade de avaliar posibles cambios e aperturas. Neste sentido, trátase dun asunto complexo no que se debe actuar con rigorosidade e no que se teñen en conta tanto os datos obtidos polos profesionais da Xunta como os aportados polas partes implicadas na explotación desas zonas.