Activos dous lumes no concello ourensán de Larouco, parroquias de Seadur e Freixido

O lume que comezaba onte na parroquia de Seadur afecta unha superficie provisional dunhas 100 hectáreas

O incendio da parroquia de Freixido afecta unha superficie estimada de máis de 20 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

A Consellería do Medio Rural informa de dous lumes activos rexistrados no concello ourensán de Larouco, nas parroquias de Seadur e Freixido.

 

O lume rexistrado en Seadur, que segundo os primeiros indicios puido ser ocasionado por un raio, iniciábase onte mércores ás 20,59 h. Debido ao vento na zona reactivouse e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unha superficie provisional dunhas 100 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 9 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.

 

O incendio rexistrado na parroquia de Freixido comezaba ás 7,26 h. desta mañá e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. No seu control traballan 3 axentes, 6 brigadas, 2 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural