Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León urxen ao Goberno central a repartir xa entre as comunidades os 20 M€ anunciados para os danos do lobo

Os orzamentos estatais de 2022 inclúen fondos para compensar ao sector afectado por esta especie pero as comunidades agardan aínda pola súa territorialización

Tras lembrar que xa transcorreron 9 meses desde o anuncio do Ministerio, Belén do Campo avisa de que a estas alturas do ano pode haber problemas de execución polo atraso do Executivo central á hora de repartir o diñeiro comprometido

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, que concentran nos seus territorios o 95% dos lobos de todo o país, urxen ao Goberno central a repartir entre as comunidades autónomas coa maior celeridade posible os 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais do Estado a compensar os danos causados polo lobo.

No marco da última Comisión sectorial de Medio Ambiente celebrada a semana pasada, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, interveu en nome das catro comunidades lobeiras para defender a urxencia e a necesidade de que os fondos comprometidos sexan transferidos de inmediato polo Estado, tendo en conta que serán os respectivos Gobernos autonómicos os que terán que asumir a súa xestión e o reparto entre os gandeiros afectados nos seus territorios.

Nove meses despois de que o secretario de Estado de Medio Ambiente anunciara que o Goberno central destinaría 20 millóns de euros a tal fin, Do Campo lembrou que Galicia e o resto de Comunidades “seguen agardando pola territorialización” desta partida, un atraso que, subliñou, “en ningún caso se pode achacar” ás catro comunidades lobeiras.

Neste sentido, explicou que o pasado mes de maio e tras a reunión que mantiveron coa directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, María Jesús Rodríguez, os representantes autonómicos de Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León remitiron por escrito as súas achegas e propostas con relación aos posibles criterios de reparto destes fondos.

Sen embargo, Belén do Campo lamentou que o Goberno central non incluíra na orde do día da Comisión sectorial o debate sobre a territorialización do orzamento asignado a paliar os danos do lobo, xa que iso significa que a distribución entre as Comunidades non se poderá aprobar aínda na próxima Conferencia sectorial, convocada para o vindeiro luns polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que será a última que se celebre ata despois do verán.

De feito, a responsable galega advertiu de que se o reparto dos 20 millóns de euros se atrasa ata o vindeiro outono “pode haber problemas de execución” xa que quedaría moi pouca marxe de tempo para xestionar os fondos asignados a cada Comunidade.
 

 

Imaxes relacionadas