A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá no acto de presentación do campo ‘Tradición en verde’

A Xunta presenta o campo de voluntariado de Lalín que achegará á mocidade a historia prerromana e a arqueoloxía

Desenvolverase a comezos de agosto e incluirá actividades de escavación e divulga-ción cultural na parroquia de Doade, xunto con actividades para fomentar o coñece-mento da contorna

Os campos de voluntariado son un programa dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que forma parte da campaña ‘O verán que queres contar’ do Goberno galego, cun total de 45 campos con 675 prazas

Lalín (Pontevedra), 16 de xuño de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá na presentación do campo de voluntariado Tradición en verde, que terá lugar nas primeiras dúas semanas de agosto na capital do Deza. O programa, destinado a quince mozos de entre 18 e 30 anos procedentes non só de Galicia, senón tamén de calquera país do mundo, forma parte da campaña de verán O verán que queres contar posta en marcha pola Xunta.

 

O campo promoverá actuacións en dous ámbitos. Por unha banda, as mozas e mozos participarán na escavación da mámoa A Pena do Santo, a máis emblemática da contorna, e coñecerán as distintas escavacións que se levan a cabo no Castro de Doade. Por outra parte, realizarán distintas actividades de divulgación da cultura e patrimonio galegos no Museo Etnográfico Casa do Patrón e nas rutas dos muíños e prehistórica de Doade. O programa complementarase con actividades como visitas ás Rías Baixas ou á propia vila de Lalín. Ademais, contarán con outras iniciativas de lecer como caiac, hípica, tiro con arco ou obradoiros de cestería e danzas tradicionais.

 

Durante a presentación, a directora xeral destacou a aposta da Xunta de Galicia polo voluntariado como forma de achegar ás mozas e mozos as tradicións e o seu valor histórico e cultural en distintos lugares de Galicia, como no caso de Lalín e o Castro de Doade.

 

Máis prazas de verán ca nunca

Ademais, Cristina Pichel destacou que a deste 2022 é a maior campaña de verán para nenos e mozos da historia, con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Só en campos de voluntariado hai 675 prazas repartidas en 45 actividades, nove das cales son de nova creación.

Imaxes relacionadas