A Xunta reforza os recursos da Policía Autonómica destinados á seguridade das Rutas Xacobeas en Lugo

Destínase aos Camiños un furgón cunha oficina móbil, ademais dun vehículo todocamiño dotado cun desfibrilador e patrullas en moto que teñen máis fácil acceso

Portomarín (Lugo), 16 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia reforzou os recursos da Policía Autonómica en Lugo destinados a garantir a seguridade das rutas xacobeas na provincia. Asi, puxo en marcha un operativo especial que inclúe unha nova oficina móbil nun furgón que se traslada ás distintas localidades polas que transcorre o Camiño.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a unidade, situada hoxe en Portomarín, onde os axentes atenden aos peregrinos e prestan apoio aos compañeiros que patrullan as rutas en moto. Ademais, apuntou Arias, está disposto tamén un vehículo todocamiño dotado dun desfibrilador así como unha pick up para actuar cando sexa necesario.

Este operativo comezou a súa andaina dende a Semana Santa, coincidindo con incremento de peregrinos, e continuará durante o verán e mentres que se considere necesario polo volume de camiñantes.

Os axentes atenden incidencias que poidan xurdir no Camiño, informan sobre medidas básicas de seguridade e controlan o bo estado das rutas e dos seus elementos, contribuíndo á prevención de delitos, pequenos furtos ou condutas como a alteración da sinalización, obras ou instalacións irregulares.

Arias destacou o traballo dos axentes da Policía Autonómica para contribuír a que Galicia sexa un destino seguro para os cidadáns galegos e para os peregrinos e visitantes, “especialmente neste ano Xacobeo no que se rexistran cifras récord, en parte grazas ao auxe da peregrinación internacional”.

Imaxes relacionadas