Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 41 M€ para a implantación da gratuidade para o 100% do alumnado nas escolas infantís de iniciativa social e nas privadas

Explica que se lle anticipará aos centros o 100% do crédito para o período de setembro a decembro e o 90% de xaneiro a agosto, co fin de facilitar a planificación do curso

Tamén se aumentará nun 10% a contía que reciben as escolas para que poidan facer fronte ao incremento dos gastos

Na actualidade xa se benefician da gratuidade os segundos fillos e sucesivos, e a extensión desta medida tamén aos primeiros a partir do vindeiro mes de setembro beneficiará a unhas 30.000 familias galegas
 

O presidente da Xunta anunciou hoxe na rolda de prensa de consello que a Xunta destinará un investimento de máis de 41 millóns de euros para que as escolas infantís de iniciativa social e as privadas apliquen a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos para o 100% do alumnado a partir do vindeiro mes de setembro. Con este fin, o Goberno galego sacará unha convocatoria conxunta con crédito ampliable e con dúas liñas: unha para os centros de iniciativa social dotada con 11,9 millóns de euros e outra para as privadas con 29,5 millóns de euros.

A orde que rexerá este procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días e contará, dixo, con novidades para facilitar a planificación das escolas e financiar a medida un máximo de once meses por curso. Así, cubrirá todos os meses do curso 2022-2023 e incorpora dous anticipos: do 100% para o período de setembro a decembro; e do 90%, de xaneiro a agosto. Ademais, auméntase nun 10% a contía que reciben os centros para que poidan facer fronte ao incremento de gastos.

Ademais, Rueda explicou que coa implantación da gratuidade para todos os nenos nas escolas infantís de titularidade privada e de iniciativa social desaparece o Bono concilia, que axudaba ao pago da escola infantil e que agora non será necesario porque a atención educativa nestes centros será de balde para as familias.
Máis polo miúdo indicou que a medida da gratuidade deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións realízanse entre a Xunta e a propia escola.

Comunidade pioneira

“Galicia é a primeira e única Comunidade Autónoma na que a educación infantil será totalmente gratuíta para todos os nenos vaian a escola que vaian”, dixo, ao tempo que sinalou que na actualidade, xa se benefician desta gratuidade os segundos fillos e seguintes e, que co inicio do novo curso 2022-2023 amplíase tamén aos primeiros fillos.
 

Nese sentido, recordou que o número de familias que se beneficiarán da extensión da gratuidade da atención educativa a todos os nenos de 0 a 3 anos estímase en 30.000. “Isto suporá un aforro medio de entre 1500 e os 2000 euros por neno ao ano”, abundou.
 

Imaxes relacionadas