Emigración convoca o programa “conecta co Xacobeo”, destinado a que 250 galegos do exterior, vinculados ás entidades de España, Europa e América, percorran o Camiño de Santiago

O DOG publica hoxe a convocatoria desta iniciativa para galegos do exterior de entre 18 e 64 anos, co obxectivo de difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo

Recupérase así a convocatoria para as persoas dos centros galegos de América
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022 O Diario Oficial de Galicia fixo pública hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación das persoas vinculadas ás entidades galegas do exterior no programa “Conecta co Xacobeo” (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220616/AnuncioV0654-020622-0004_gl.html).

 

Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto das comunidades autónomas españolas, como nos países europeos. Este ano vólvese a abrir a convocatoria tamén aos galegos residentes nos países americanos.

 

O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, os participantes colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que os centros teñen a súa sede.


En total convócanse 250 prazas, podendo participar nesta ocasión as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade asentadas e os seus membros entre 18 e 64 anos.

 

Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.

 

O programa desenvolverase, previsiblemente, na segunda quincena de setembro. Os participantes percorrerán os últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago en diferentes etapas durante ás que se realizará un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas do traxecto.

 

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos de regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos internos en Galicia e do seu aloxamento e manutención.

 

O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 17 de xullo. Máis información na seguinte ligazón:  https://emigracion.xunta.gal/actividade/lina-de-axuda/conecta-co-xacobeo-ano-2022