A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron o convenio de cooperación

A Xunta e o concello de Vilamarín colaborarán na humanización da contorna da Casa da Cultura e do centro social

Cun investimento de case 50.000 euros, crearase unha zona de lecer e darase solución aos actuais problemas de accesibilidade

Esta actuación está enmarcada no plan Hurbe ao que o Goberno galego destina este ano 7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022 A Xunta e o Concello de Vilamarín colaborarán na humanización da contorna da Casa da Cultura e do centro social da localidade, ao abeiro do convenio asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Amador Vázquez, no marco do plan Hurbe.

O obxectivo das obras é crear unha zona de lecer e dar solución á mala accesibilidade que provoca un muro de bloques con reixas e á falta de equipamentos. Deste xeito, a Consellería aportará o 70% dos case 50.000 euros do investimento estimado para o proxecto e o Concello asumirá o 30% restante.

 

Entre as actuacións que se pretende realizar destacan: a retirada de mobiliario exterior existente; o picado e retirado do muro de formigón que impide o paso entre a Casa da Cultura e o centro social; a escavación para gabias para soterrar a liña de alumeado; a colocación das canalizacións de liñas e recheo; a instalación de alumeado con columnas e farois, ou a instalación de mobiliario urbano como papeleiras, xardineiras e bancos.

 

Os traballos de reforma e acondicionamento en Vilamarín levaranse a cabo ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis de 10 anos co obxectivo de brindar o seu apoio ás entidades locais na execución deste tipo de proxectos e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros. De feito, este concello xa se beneficiou previamente deste plan en agosto de 2021, ao dotar dun parque infantil á urbanización de vivendas de promoción pública.