Fernández-Tapias comparte unha xornada de golf co alumnado do Javier Sensat no marco do programa Xogade

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou aos 27 escolares que participan na unidade didáctica “O Golf na Escola” no Real Aeroclub de Vigo

Neste curso, un total de 204 alumnos e alumnas de quinto de primaria de 7 centros educativos da cidade se inician nesta modalidade deportiva
 

Vigo, 16 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo a oportunidade de compartir unha xornada cos 27 alumnos e alumnas do CEIP Javier Sensat que participaron no programa “O Golf na Escola” no marco dos Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar (Xogade).

A representante autonómica visitou aos escolares na última sesión desta actividade, que combina formación teórico-práctica, no Real Aeroclub de Vigo, e xuntos puideron coñecer as instalacións do campo de golf vigués e pór en práctica esta modalidade deportiva a través dun torneo de mini-golf ou Pitch-Putt (golf de iniciación).

Tal e como sinalou Fernández-Tapias, o obxectivo desta iniciativa é “a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurando que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación”.

“Apostamos por un modelo deportivo orientado á participación, humanista, educativo e saudable, adaptado ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte”, anotou.

Este curso, un total de 204 alumnos e alumnas de quinto de primaria do CEIP Pintor Laxeiro, Illas Cíes, Canicouva, Igrexa de Candeán, Carballal de Cabral, Javier Sensat e do CPR Don Bosco se inician nesta modalidade deportiva.

A Xunta en colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares convoca, no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño, o programa Xogade, que inclúe actividades deportivas escolares e federadas.

Ademais, propóñense ao abeiro deste programa outras actuacións como ‘Coñece o meu club’, ‘Proxecto de vida activa e deportiva’, ‘Xogando coa auga e co vento’, ‘Xogos tradicionais e populares’ e ‘Espazo lúdico’, así como actividades de promoción de escalada, golf ou loita, ás que se engaden deportes urbanos como breaking, skate ou BMX consonte a evolución da demanda deportiva nos últimos anos e a consolidación das novas modalidades olímpicas.

Imaxes relacionadas