A Xunta adxudica por máis de 1,1 M€ as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas de Pontevedra e do Salnés

Actuarase na estrada PO-300 ao seu paso por Meis, Cambados, Vilanova de Arousa e Ribadumia; na PO-309 en Poio; na PO-312 e na PO-316 en dous treitos do Grove; na PO-308 en Sanxenxo; e na PO-531 en Pontevedra

A Consellería de Infraestruturas prevé iniciar os traballos ao longo do mes de xullo, cun prazo de execución de 6 meses
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.145.943 €  a execución das obras de rehabilitación do firme en oito treitos de seis estradas autonómicas da zona de Pontevedra e do Salnés.

Trátase do acondicionamento e mellora do pavimento da estrada PO-300 ao seu paso por Meis, Cambados, Vilanova e Ribadumia; da PO-309, en Poio; da PO-312 e da PO-316, en dous treitos do Grove; da PO-308, en Sanxenxo; e da PO-531 en Pontevedra.

Os traballos, cuxo contrato de adxudicación foi xa formalizado coa empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), comezarán ao longo do mes de xullo e terán un prazo de execución de 6 meses. 

A actuación contratada suporá o acondicionamento do firme nun total de 14,7 quilómetros de lonxitude destas vías autonómicas que discorren por estes oito municipios da provincia de Pontevedra.

De xeito máis concreto, as actuacións na estrada PO-300 Mosteiro-Cambados, permitirán a mellora do firme en máis de oito quilómetros da vía, ao seu paso polos termos de Meis, Cambados, Vilanova de Arousa e Ribadumia. A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 2+680 e 6+320 e tamén no tramo que vai do punto 6+790 e 11+720 da PO-300.

Na estrada PO-308 actuarase ao seu paso por Sanxenxo, entre os puntos quilométricos 28+100 e 28+480; e na PO-309, no tramo que vai do punto 0 ao 1+180, no concello de Poio.

No concello do Grove intervirase nas estradas PO-312, entre os puntos quilométricos 0 e 1+580; e na PO-316, dos quilómetros 0 ao 1+800.

No caso da estrada PO-531, actuarase nos treitos situados entre os puntos 7+600 e 8+150 e o 8+350 e 8+900, ao seu paso polo municipio de Pontevedra.

Como actuacións complementarias á reposición do firme, os traballos inclúen a mellora de interseccións nas estradas PO-300 e PO-309, o acondicionamento de acceso a outra estrada anexa na PO-300 e a instalación de dous pasos de peóns sobreelevados na PO-312 para reforzar a seguridade viaria.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.