A Xunta recibe as ofertas de 9 empresas para executar a reposición do firme nas estradas PO-201 en Silleda e PO-960 en Vila de Cruces, cun investimento de 1,6 M€

A mellora na estrada Silleda-Laro inclúe fresado, reposición do firme, modernización das marcas viarias e limpeza das marxes ao longo de arredor de 8 quilómetros

No treito entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma actuarase en case 17 quilómetros, con traballos complementarios para a substitución dos vellos sistemas de contención e o recrecido das cotas de rexistro, así como o cambio da capa de rodaxe

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

A Xunta recibiu as ofertas de 9 empresas para executar as obras de reposición integral do firme nas estradas PO-201 en Silleda e PO-960 en Vila de Cruces, que suporán un investimento de 1,6 M€.

No referido á mellora da estrada PO-201, que conecta Silleda e Laro, o investimento previsto para estes traballos ascenderá a preto de 600.000 euros, que se destinará ao fresado, reposición do firme, modernización das marcas viarias e limpeza de marxes no treito correspondente entre os puntos quilométricos 0+000 e 7+840.

Pola súa banda, na estrada PO-960, entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma, investiranse máis de 1 millón de euros no fresado, cambio da capa de rodaxe, marcas viarias e sinalización, substitución dos vellos sistemas de contención e recrecido das cotas de rexistro entre os puntos quilométricos 16+910 e 32+710.

Debido á meteoroloxía, ao envellecemento dos materiais e ao grao de deterioro do firme de ambas as estradas -na PO-960 circulan 1.170 vehículos diarios e na PO-201, 1.099-, optouse por unha solución completa para a nova capa de rodaxe cunha fonda capa de saburra, rego de imprimación e de adherencia e mestura bituminosa.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.