Estabilizado un lume no concello ourensán de Larouco e extinguidos os dous que afectaron o Parque Natural do Xurés, nos municipios de Entrimo e de Lobios

O incendio de Larouco, na parroquia de Seadur, afecta unha superficie provisional de arredor de 80 hectáreas

O lume de Entrimo afectou 0,06 hectáreas e o de Lobios 2,5 hectáreas

Segundo os primeiros indicios, estes tres lumes puideron estar causados por raios
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, xa estabilizado, no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 80 hectáreas.

 

O lume, que segundo os primeiros indicios puido ser ocasionado por un raio, iniciábase onte mércores ás 20,59 h. e quedou estabilizado ás 08,20 h. desta mañá. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 11 brigadas e 9 motobombas.

 

Por outra banda, os dous incendios rexistrados no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés a pasada noite están xa extinguidos. Localizáronse nos concellos de Entrimo (na parroquia da Illa) e de Lobios (na parroquia de Riocaldo) e todo parece indicar que tamén puideron ter como causa a caída dun raio.

O lume de Entrimo iniciouse ás 21,07 h. de onte e quedou extinguido ás 22,50 h. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 0,06 hectáreas de monte raso. Para o seu control mobilizáronse 1 axente e 1 motobomba.

O lume de Lobios comezou ás 20,33 h. de onte e deuse por extinguido ás 01,32 h. desta madrugada. Afectou unha superficie de 2,5 hectáreas de monte raso. Para o seu control mobilizáronse 2 axentes, 4 brigadas e 3 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural