O titular do Goberno galego participou na presentación do libro Pontevedra, ciudad encantada de Rafael L. Torre

Rueda celebra que as historias das cidades queden reflectidas nas páxinas dos libros como mellor xeito de que nunca se esquezan

Recoñece o labor de cronistas como Rafael L. Torre para achegar grandes historias aos lectores e axudarlles a descubrir Pontevedra. “Non é preciso viaxar a outras latitudes nin inventarse escenarios ficticios”, explica

Pontevedra, 15 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe, durante a presentación do libro Pontevedra, ciudad encantada, a importancia de que as historias sobre as nosas cidades queden inmortalizadas nos libros para que nunca se esquezan.

Ao longo da súa intervención, destacou o papel das crónicas como ferramenta fundamental para dotar de sentido ao noso presente e salientou o “ir, ver e contar” como a fórmula clave para levar a cabo un labor tan importante coma este.

Nese sentido, recoñeceu a capacidade de Rafael L. Torre para achegar grandes historias aos lectores e axudarlles a descubrir Pontevedra. “Non é preciso viaxar a outras latitudes nin inventarse escenarios ficticios”, explica. No seu caso, dixo, nin sequera é necesario cambiar de lugar xa que ao vivir na cidade faino desde unha “mirada persoalísima”.

Rueda convidou a somerxerse nesta historia a quen queira descubrir unha visión única de Pontevedra “unha cidade universal, en cuxa vida e traxectoria calquera se pode sentir recoñecido”, engadiu.

O presidente da Xunta animou ao autor, que xa editou con anterioridade outros tres libros de artigos, a que continúe cunha quinta edición deixando para a historia as pequenas anécdotas e os grandes feitos que foron construíndo a cidade. “As vivencias das túas obras permitirán viaxar no tempo a unha Pontevedra do pasado que debe seguir estando no noso presente”, asegurou.

Imaxes relacionadas