A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia as actuacións levadas a cabo na residencia Mi Casa, en Pazos de Borbén

A Xunta defende a independencia e profesionalidade dos servizos de inspección

Abriuse un expediente á entidade xestora do centro por deficiencias que teñen que ver con cuestións organizativas e que nestes momentos continúa o seu curso

Santiago de Compostela , 15 de xuño de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a “independencia, e profesionalidade” do servizo de Inspección. Fíxoo nunha resposta a unha pregunta oral sobre a situación na residencia de maiores Mi Casa, en Pazos de Borbén.

 

Fabiola García explicou que todas as denuncias ou queixas que poidan xurdir ao respecto do funcionamento nun centro de servizos sociais son analizadas con detemento e que sempre se actúa cando se detecta algún incumprimento. Así acontece con este centro de Pazos de Borbén, ao que tras as visitas realizadas polos inspectores de Política Social, e tamén de Sanidade, se abriu un expediente á entidade xestora da residencia por deficiencias relacionadas con cuestións de organización e que nestes momentos continúa o seu curso.

 

Neste sentido, a conselleira indicou que neste caso, e como se fai en todos, estase a cumprir co procedemento que fixa o servizo de inspección, polo que pediu que se evitaran alarmismos e que se respectaran o traballo dos técnicos desta unidade. Así mesmo, salientou que a Xunta seguirá a traballar na mellora dos servizos con medidas que redunden na calidade asistencial dos centros.

Imaxes relacionadas