A Xunta mobiliza preto de 1.200 efectivos e 100 medios para a prevención e extinción de lumes na provincia de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, presentou o operativo para este verán na sala de vixilancia do Servizo de Montes do edificio administrativo de Campolongo, que controla 26 cámaras de última xeración en 13 localizacións

A provincia contará con catro helicópteros con base en Silleda, O Campiño e Mondariz, manterá os dez puntos de vixilancia fixa con persoal e disporá de case 1.200 puntos de recollida de auga

Pontevedra, 15 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vai mobilizar 1.188 efectivos e 98 medios, entre os que figuran catro helicópteros, para a prevención e extinción de lumes na provincia de Pontevedra durante a época de alto risco, que quedará activada o vindeiro 1 de xullo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e o xefe provincial de Prevención de Incendios, Manuel Francisco, presentou esta mañá o operativo para a provincia recollido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022) na sala de vixilancia do Servizo de Montes do edificio administrativo de Campolongo.

“Dende a Xunta cada ano melloramos o sistema, tan necesario para protexer aos cidadáns, as súas vivendas e o noso valioso monte”, explicou o representante autonómico.

O operativo da Xunta para a época de alto risco na provincia de Pontevedra contempla un total de 1.188 profesionais, 94 motobombas e 4 helicópteros. Este despregue complétase co mantemento dos dez puntos de vixilancia fixa coas bases aéreas de Silleda, Mondariz e O Campiño e con 1.184 puntos de recollida de auga -dos que 116 son aptos para os helicópteros- estando previstos 23 novos este ano.

Plan de prevención

Respecto ao plan de prevención, a Xunta destina este ano para o conxunto de Galicia un total de 33,1 millóns de euros, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior. En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías de toda a comunidade autónoma.

Por outra banda, este plan compleméntase con medidas tendentes a corrixir o abandono e poñer en valor as zonas rurais e de monte de cara a recuperar superficie abandonada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria e do Plan de pastos. Así, xa se declarou a aldea-modelo de Parada-Mouteira (Cerdedo-Cotobade) e estanse a recoller sinaturas para a de Porteliña (As Neves), aprobouse o polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade) e está delimitado e en fase de actuacións previas o de Panascos (Tomiño) e vanse investir 925.000 euros en plans de pastos en Deán (Cerdedo-Cotobade), Casteláns e Prado da Canda (Covelo), Meira (Moaña), Pinzás (Tomiño), Padróns (Ponteareas) e un lote diverso que beneficia a zonas da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

Tamén se mantén a xestión da biomasa en faixas secundarias a través do convenio de protección das aldeas. Neste caso, priorizáronse 26 parroquias, polo seu maior risco, pertencentes aos concellos de Arbo, Baiona, A Cañiza, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mos, As Neves, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Rodeiro, Soutomaior e Tomiño.

Imaxes relacionadas