A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia as medidas que se están a desenvolver neste ámbito

A Xunta reduce nun 28% o tempo de espera nas valoracións de dependencia no último ano

Contratáronse 36 novos profesionais para reforzar os equipos de valoración

No primeiro cuadrimestre deste exercicio incrementáronse en máis dun 31% as valoracións de grao con respecto a 2021

Santiago de Compostela , 15 de xuño de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García,  destacou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que no último ano se reduciu nun 28% o tempo que unha persoa espera por unha valoración en dependencia. Fabiola García achacou este descenso nos tempos de agarda ao reforzo do persoal dos equipos de valoración que se fixo hai oito meses coa contratación de 36 profesionais, entre terapeutas, médicos, psicólogos e traballadores sociais.  

 

A conselleira informou que, froito destas novas incorporacións, no primeiro cuadrimestre deste ano incrementáronse en máis dun 31% as valoracións de grao de dependencia con respecto a 2021. Ademais, enmarcou este reforzo no persoal no Plan de Choque en dependencia que está a desenvolver o Executivo autonómico e que ten como obxectivo reducir á metade os tempos de espera que se rexistran na actualidade.

 

Así mesmo, este marco de actuación contempla outras accións como a simplificación normativa e administrativa; a redefinición do Programa de Atención Individual (PIA), para fusionar o recoñecemento de grao coa determinación do recurso máis axeitado para cada persoa; ou a creación dunha prestación pública e alternativas ao servizo preferido no caso de que non se poida optar á primeira opción.

 

430 millóns de euros

A conselleira de Política Social e Xuventude puxo en valor o esforzo económico da Xunta de Galicia para avanzar na atención á dependencia e lamentou que o Goberno central siga a incumprir co financiamento do 50% que fixa a lei nesta materia. Ao respecto, indicou que nestes momentos Galicia destina á dependencia 430 millóns de euros, máis ca nunca antes.

 

Destes fondos, o 70% proceden das arcas autonómicas e o 30% restante do Executivo central. Isto supón que, de cumprirse a Lei de dependencia, Galicia recibiría cada ano 170 millóns de euros, que permitirían seguir mellorando a atención e os servizos destinados ás persoas maiores.

 

Fabiola García destacou que “fixemos, facemos e faremos todo o que está na nosa man para que todos os galegos teñan un dos mellores servizos de atención á dependencia de España”. Grazas a este esforzo o 95% das persoas maiores que teñen unha dependencia recoñecida en Galicia teñen asignado algún servizo de coidado por parte da Xunta, o que significa máis de 66.000 galegos, catro veces máis que no 2009. Esta cifra sitúa a nosa Comunidade Autónoma nove puntos por riba da media estatal e como a segunda comunidade cunha mellor ratio de atención, só por detrás de Castela e León.

Imaxes relacionadas