O conselleiro do Medio Rural mantivo este mediodía en San Caetano unha reunión con representantes das cadeas de distribución

A Xunta presenta o informe sobre custos de produción no sector da carne a representantes da distribución

Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que está levando a cabo a Consellería cos diferentes axentes deste eido produtivo para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas

José González insistiu en que a primeira medida inmediata para manter e asegurar a viabilidade económica das explotacións agropecuarias pasa por dar cumprimento á Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo este mediodía unha xuntanza con representantes da distribución para presentarlles o informe sobre custos de produción no sector da carne, elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

O conselleiro explicoulles aos asistentes que este estudo constata a situación xeneralizada de venda a perdas no sector de vacún de carne e máis concretamente en granxas de Ternera Gallega Suprema. Así, segundo este documento, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción neste eido é de 6,20 euros / quilo canal e os prezos percibidos actualmente por produtores de Ternera Gallega Suprema oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros / quilo canal. Polo tanto, sinalou González, en números redondos existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran.

O conselleiro engadiu que estes resultados estanse trasladando aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas. Así, a xuntanza de hoxe súmase á celebrada coas organizacións profesionais agrarias, cos membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema e farase o mesmo con representantes de industria nos vindeiros días.

Neste senso, José González insistiu en que a primeira medida inmediata para manter e asegurar a viabilidade económica das explotacións agropecuarias pasa por dar cumprimento á Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, a cal obriga a que se venda o produto a un prezo xusto.

O titular de Medio Rural advertiu que, tendo en conta os resultados deste informe, resulta preciso valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros. Para lograr este obxectivo, o conselleiro puxo en valor os esforzos e os traballos da Xunta a prol desa valorización, a través de diferentes iniciativas. Entre elas salientou, precisamente, o acordo histórico na cadea de valor do vacún de carne, e máis concretamente en Ternera Gallega, para frear a venda a perdas, un protocolo -lembrou- coordinado polo Goberno galego.

Nesta liña, o conselleiro tamén destacou a posta en marcha dunha campaña de promoción a nivel nacional para valorizar este produto, que suporá un investimento de 1,4 millóns de euros por parte da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Ternera Gallega, e que se suma á campaña realizada nas redes sociais no pasado Nadal.

Paquete de medidas

Durante a xuntanza, José González salientou que a Xunta aprobou e puxo en marcha un completo paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos no sector agrogandeiro e para achegar liquidez ás explotacións. Así, o Goberno galego publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para o anticipo da PAC. Así mesmo, en breve habilitarase unha liña de financiamento de circulante -tamén sen custo financeiro- de ata 25 millóns de euros que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros. A maiores, entre outras medidas, tamén se demandou ao Banco de España a concesión dunha moratoria dun ano por parte das entidades financeiras no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.

Así mesmo, o conselleiro salientou a posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con este mesmo obxectivo. Puxo tamén en valor os traballos que se están facendo ao abeiro da Estratexia do sector cárnico, co obxectivo -salientou- de marcar co sector a folla de ruta que rexerá o seu futuro.

Imaxes relacionadas