Presentado o maillot que levarán os líderes das ligas A, B e feminina da Liga Galega de Traiñeiras que comeza este sábado en Sanxenxo

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, valora a importancia das traíñas como "un deporte tradicional, un deporte fundamental que nos gusta a todos"

En total serán 28 equipos participantes cun total de 616 remeiros e remeiras cun récord de participación feminina: nove equipos e 198 deportistas
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou esta mañá xunto ao  presidente da Asociación Liga Noroeste (ALN), Javier Rodríguez, o maillot que levarán os líderes das competicións A, B e feminina da Liga Galega de Traiñeiras (LGT) que bota a andar este mesmo sábado en Sanxenxo.

Diego Calvo valorou a importancia das traíñas en Galicia, "un deporte tradicional, un deporte fundamental que nos gusta a todos" e amosou o seu desexo de que "moitos espectadores se acheguen esta fin de semana a Sanxenxo así como ao resto de bandeiras que se celebrarán por toda Galicia para compartir o esforzo dos deportistas".

A I Bandeira Concello de Sanxenxo será a primeira dun total de 34 regatas entre as tres categorías que suman un total de 28 equipos participantes e 616 remeiros e remeiras. A Liga A está conformada por 12 equipos: SD Tirán-Pereira, SD Samertolameu-Oversea, CM Bueu-Teccarsa, CR Cabo de Cruz, CR Mecos, CDM Meira, CR Puebla, CR Rianxo, CCD Cesantes-Rodavigo, CR Narón, CM Mugardos e CR Chapela-Wofco. Por outra banda, na Liga B competirán un total de sete equipos como o CR Muros, CR Salgado-Perillo, CR Cedeira, CR Vila de Cangas, SD Samertolameu-Oversea B, Amegrove CR e CM Castropol.

Cómpre salientar os nove equipos femininos que competirán na LGT, o récord absoluto de equipos femininos na historia da competición, que suman un total de 198 remeiras, un terzo do total. Estes equipos serán o CR Cabo da Cruz, CR Chapela-Wofco, CR Salgado-Perillo, SD Tirán Pereira, CRN Riveira, CR Rianxo, CR Puebla, CM Castropol e CM Mugardos- A Cabana Ferrol. 

Cómpre salientar que, ao abeiro desta nova edición da LGT 2022, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, concédelle á Asociación Liga Noroeste (ALN) un total de 115.000 euros con motivo da organización da Liga Galega de Traiñeiras masculina e feminina, o que supón un incremento de preto dun 5% con respecto ao exercicio anterior.

Imaxes relacionadas