A delegada territorial da Xunta visitou o centro emprazado na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño, xunto ao seu director, Javier Fernández

A delegada territorial da Xunta visitou o centro emprazado na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño, xunto ao seu director, Javier Fernández

A representante do Executivo galego reivindica o papel das instalacións como primeiro centro tecnolóxico de Galicia, especializado no sector naval

Agradece a Siemens a confianza na industria deste sector e pon en valor o seu papel como “colaborador necesario” para a transformación de Navantia nun estaleiro 4.0
 

Ferrol, 15 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director do Centro de Excelencia del Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, visitou esta mañá as instalacións situadas na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Xunta de Galicia.

 

Un centro cuxa posta en funcionamento “é un exemplo do compromiso que a Administración autonómica ten coa comarca a través do Pacto de Estado por Ferrol”, indicou Martina Aneiros, quen tamén reivindicou o seu papel como primeiro centro tecnolóxico de Galicia, especializado no sector naval.

 

O Cesena, inaugurado hai case un ano, está integrado dentro da rede internacional de centros de excelencia marítimos dos que dispón Siemens nas principais zonas de construción naval do mundo e desenvolve a súa actividade sobre tres eixes. Por unha parte, a colaboración, fomentando a creación de ecosistemas cos principais axentes dos sector; a innovación, a través do impulso de tecnoloxías propias para a transformación dixital do sector; e por último, a través da educación, apoiando ás universidades e centros de Formación Profesional, co fin de que os alumnos saian ao mercado laboral cos coñecementos máis actualizados sobre transformación dixital.

 

Durante a visita, a delegada territorial insistiu en que estas instalacións serán unha referencia para o futuro Perte da industria naval e defendeu a idoneidade de Ferrolterra como a súa localización estratéxica. “A Xunta está comprometida con esta industria como se demostra coa Estratexia do Naval que estamos a perfilar para todo o sector”, lembrou, “pero é fundamental a cooperación entre estaleiros e aproveitar o ecosistema científico e tecnolóxico para avanzar na dixitalización e na innovación”.

 

Tamén aproveitou a ocasión para agradecer a Siemens a confianza no sector naval galego e puxo en valor o seu papel como “colaborador necesario” para a transformación de Navantia nun estaleiro 4.0.

 

Neste aspecto, Aneiros demandou, unha vez máis, infraestruturas necesarias como o dique cuberto, “clave para a modernización de Navantia Ferrol e para a súa competitividade, diminuíndo os custos da construción”.

Imaxes relacionadas