A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe a actuación prevista no treito da vía autonómica coincidente co núcleo urbano de Moraña, en Santa Lucía, que comezará xa no outono e conta cun prazo de execución de 6 meses

Ethel Vázquez destaca a licitación das obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña, un investimento de máis de 387.000 euros que estará concluído na primavera de 2023

Mellorarase un treito de 300 metros da que é a vía principal do municipio, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata o límite do núcleo urbano, renovando as beirarrúas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade e rehabilitando o firme dos carrís de circulación

A actuación permitirá facilitar o acceso dos veciños ao Consistorio, á biblioteca pública, á escola de música e a establecementos como a panadería

Moraña (Pontevedra), 15 de xuño de 2022  A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a licitación das obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226, un investimento de máis de 387.000 euros para facilitar a mobilidade dos veciños de Moraña que estará concluído na primavera de 2023.

 

Vázquez Mourelle visitou esta mañá o municipio, onde informou da contratación da actuación nun treito desta vía autonómica que, cualificou de estratéxico, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais, como a panadería.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle o inicio, hoxe, da contratación destas obras que, tal e como apuntou a conselleira, dá cumprimento o compromiso da Xunta de licitalas antes do verán. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 11 de xullo para presentar as súas ofertas.

 

A conselleira sinalou o obxectivo da Xunta de adxudicar as obras xa no mes de setembro e empezar a traballar sobre o terreo xa no outono, e que contan cun prazo de execución de seis meses.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que se intervirá nun treito de 300 metros desta estrada PO-226, desde a intersección que dá acceso ao Consistorio ata a chegar ao límite do casco urbano, onde as beirarrúas se atopan deterioradas debido ao esgotamento da vida útil do pavimento. A Xunta vai actuar, renovándoas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade.

 

Subliñou que se trata dun proxecto ambicioso de actuación proxectada polo departamento que dirixe, que abrangue as dúas marxes do que é a principal vía do municipio, renovando as beirarrúas, facéndoas accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns.

 

Xunto con isto, engadiu, está prevista a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorecerá tamén a circulación dos vehículos en boas condicións.

 

A conselleira precisou que se aproveitará a actuación para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais. É dicir, vaise crear neste treito unha rede de saneamento separativa.

 

Tamén se renovará a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos.

 

Segundo explicou a titular de Infraestruturas e Mobilidade a actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226 en Moraña, que constitúe o corazón do municipio e que vai gañar, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños, subliñou.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé en que esta actuación, xa en marcha, persegue facilitar os veciños de Moraña os seus desprazamentos máis habituais en condicións de seguridade e de comodidade, nesta zona na que se desenvolve gran parte da vida urbana do municipio, que concentra varios servizos públicos e onde os veciños realizan as súas compras e trámites cotiáns.

 

A conselleira puxo esta actuación como exemplo da sensibilidade da Xunta coas necesidades do rural e o traballo por responder con obras e servizos que son moi importantes para mellorar a calidade de vida de moitos galegos. Neste caso, trátase de facilitar que os veciños de Moraña poidan realizar os seus desprazamentos máis habituais en condicións de seguridade e de comodidade, concluíu.

Imaxes relacionadas