A Xunta inicia o programa de formación sobre prevención e defensa de incendios forestais dirixido á poboación rural das parroquias de alta actividade incendiaria

Realizarase unha actividade informativa no núcleo principal de cada unha das 35 parroquias de alta actividade incendiaria declaradas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022)

Con estas accións búscase concienciar á veciñanza para que colaboren coas accións de prevención nas faixas secundarias, abordando tamén medidas de autoprotección e defensa fronte un posible lume
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

A Consellería do Medio Rural inicia o vindeiro 20 de xuño as xornadas divulgativas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais e de autoprotección para a poboación rural das parroquias de alta actividade incendiaria. Así, este departamento realizará unha actividade informativa no núcleo principal de cada unha das 35 parroquias de alta actividade incendiaria declaradas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022), onde se calcula que poderán participar ata mil persoas neste ano.

Estas charlas teñen como obxectivo principal o de concienciar e sensibilizar á poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan, tanto para as persoas como para os bens, tanto forestais como non forestais. Así, cada sesión terá unha duración aproximada de entre unha e dúas horas, onde se informará das medidas de prevención e defensa contra os incendios. Tamén se abordarán medidas de autoprotección e para protexer as vivendas e as edificacións dos lumes. Con estas accións búscase tamén concienciar á veciñanza das accións de prevención establecidas na Lei de prevención de incendios forestais de Galicia e que son de obrigado cumprimento.

Así mesmo, as charlas buscan concienciar á propia cidadanía da importancia de denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento, no teléfono gratuíto 900 815 085. Así como de informar de calquera lume do que se teña constancia no número 085 -tamén de balde- para que os efectivos do Servizo de prevención e extinción de incendios poidan chegar o antes posible e minimizar as consecuencias do lume.

Estas charlas divulgativas encádranse no programa de formación dirixido á poboación do rural dentro do Plan de formación para o Servizo de prevención de incendios forestais 2021-2024.

Departamento:
C. do Medio Rural