A Xunta prosegue con Capsa Food a rolda de contactos co sector lácteo para facer balance das medidas implementadas ao abeiro da estratexia sectorial

José González destacou que o pasado mes de abril (último do que se teñen datos) o prezo do leite en Galicia superou por primeira vez os 40 céntimos por litro, cun incremento do 1,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior e de ata un 2,8% en relación co mesmo período de 2020

O conselleiro puxo en valor a folla de ruta desta Estratexia, que busca incidir na produción, na industria, na cadea de valor, nos mercados e na formación e innovación para profesionalizar este eido, xunto coa Lei de recuperación ou o Plan de pastos
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022

Continúa a rolda de contactos aberta pola Xunta co sector lácteo para facer balance das medidas implementadas ao abeiro da Estratexia de dinamización do lácteo galego, posta en marcha a finais de 2020. Como parte destes encontros, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo unha xuntanza de traballo con responsables de Capsa Food, na que participaron Florencio Rodríguez, director de Recursos Leiteiros, e José Armando Tellado, director xeral.

 

Na reunión, o conselleiro puido comprobar os avances na rendibilidade dos gandeiros que entregan leite a esta empresa grazas á suba do prezo que se lles paga polo litro de leite e á aposta de Capsa Food polos produtos con valor engadido.

 

Nesa liña, José González destacou que o pasado mes de abril (último do que se teñen datos) o prezo do leite en Galicia superou por primeira vez os 40 céntimos por litro, cun incremento do 1,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior e de ata un 2,8% en relación co mesmo período de 2020. Isto, sinalou o conselleiro, redunda no beneficio dos gandeiros, que cada vez perciben máis -dixo- por un produto que segue destacando a nivel nacional e internacional pola súa calidade.

 

Nesa mesma liña, González reafirmou o compromiso da Xunta a prol da consolidación do sector leiteiro, freando a venda a perdas a través de medidas como a aplicación Conta Láctea implementada para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción, efectuar estudos comparativos co sector e, en definitiva, profesionalizar a xestión das súas explotacións co obxectivo de mellorar a súa posición negociadora fronte ás industriais.

 

A maiores, recordou o chamamento ao Goberno central para que -ao igual que fixo a Xunta co sector da carne- impulse un gran acordo a nivel estatal entre toda a cadea de valor do leite, coa finalidade de garantir que cada un dos elos percibe un prezo xusto polo produto de cara a asegurar a rendibilidade de todos eles, especialmente dos gandeiros, que son o axente máis vulnerable, recalcou. 

 

Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural lembrou que o Goberno galego está facendo os seus deberes implementando as medidas da Estratexia de dinamización do sector lácteo no marco dos eixes prioritarios relativos á produción, á industria, á cadea de valor, aos mercados e á formación e innovación. Tamén con normas como a Lei de recuperación da terra agraria e o Plan de Pastos, que permiten aumentar a base territorial das explotacións para incrementar a súa competitividade.

Imaxes relacionadas