A Xunta aposta pola formación continua dos profesionais da Administración de Xustiza para garantir un servizo de calidade á cidadanía

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou esta mañá na inauguración da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que este ano está dedicada á Fiscalía Europea, coincidindo co primeiro aniversario da súa posta en marcha

Destacou tamén o compromiso da Xunta para dotar ás fiscalías provinciais e de área das infraestruturas axeitadas e dotar aos fiscais de acceso ás novas tecnoloxías co obxectivo de axilizar as súas xestións
 

Bergondo (A Coruña), 15 de xuño de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, resaltou hoxe o compromiso da Xunta coa formación continua dos profesionais da Administración da Xustiza para garantir un servizo eficaz á cidadanía. Así o destacou durante a inauguración da XIX edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal que acolle desde hoxe ata o venres o Pazo de Mariñán, sede permanente destas xornadas.

 

Á inauguración tamén asistiron o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, o presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

 

Esta edición ten como tema central o papel da Fiscalía Europea, organismo creado o 1 de xuño do ano pasado para investigar os delitos contra os intereses financeiros da Unión Europea. De feito, entre os participantes destes días destacan a fiscal da Fiscalía Europea en representación de España, Concepción Sabadell, ou a fiscal europea delegada Olga Muñoz. Tamén intervirán fiscais de Italia, Portugal ou Alemaña, e unha maxistrada dos Países Baixos para abordar o papel deste organismo noutros sistemas procesuais europeos.

 

Esta escola de verán forma parte dos plans de formación continua dos membros da carreira fiscal e vénse realizando no marco do convenio entre a Xunta, a Deputación Provincial da Coruña, o Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza e a Fiscalía Xeral do Estado. O Goberno galego tamén contribúe á formación destes profesionais a través doutro convenio marco aprobado en 2016 entre o Centro de Estudos Xurídicos e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) en materia de formación de fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.

 

O vicepresidente segundo da Xunta destacou a relevancia da formación e actualización continua entre o persoal que traballa na Fiscalía, unha institución en evolución constante e que ten que adaptarse a distintas reformas lexislativas.

Tamén incidiu que o compromiso da Xunta coa Administración de xustiza exprésase a través da planificación co correspondente respaldo orzamentario para achegar as novas tecnoloxías aos órganos xudiciais, ou para construír ou mellorar as infraestruturas físicas. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego contribúe á modernización da xustiza  a través das novas tecnoloxías co Plan Senda  2025 que da continuidade aos dous Plans anteriores co obxectivo de avanzar cara o expedientes xudicial electrónico con ferramentas como o sistema de videoconferencia e de gravación de vistas ou a sinatura dixital.

No que se refire ás infraestruturas, lembrou algunhas das melloras levadas a cabo e puxo como exemplo os máis de 120.000 euros nas dependencias da Fiscalía Provincial de Pontevedra na Parda. Ademais, lembrou que na nova Cidade da Xustiza de Vigo, os fiscais desta área terán á súa disposición a totalidade da quinta planta do novo edificio xudicial, cunha superficie de 2.300 metros cadrados e 41 despachos.

Imaxes relacionadas