O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe nas xornadas medioambientais “O noso monte, presente e futuro”, celebradas en Bueu

A Xunta aposta polas agrupacións forestais de xestión conxunta e os silvicultores activos en beneficio do monte galego

O director xeral lembrou que o pasado mes de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regulará o recoñecemento e inscrición nos pertinentes rexistros destas dúas figuras, uns procedementos que estarán abertos durante todo o ano

Tamén abordou as grandes cifras do Plan Forestal de Galicia (PFG) 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica, así como as medidas encamiñadas a desenvolver a estratexia de dixitalización e descarbonización dos montes galegos

Bueu (Pontevedra), 14 de xuño de 2022 O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta tarde nas xornadas medioambientais “O noso monte, presente e futuro”, celebradas no concello pontevedrés de Bueu. Alí, destacou a aposta do Goberno galego polas agrupacións forestais de xestión conxunta e a figura dos silvicultores activos para garantir un correcto desenvolvemento do sector forestal da nosa comunidade.

 

Neste senso, José Luis Chan lembrou que o pasado 6 de maio saía publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220506/AnuncioG0426-260422-0005_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220506/AnuncioG0426-260422-0005_gl.html">orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento destas agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. Unha orde que está aberta todo o ano, engadiu Chan.

 

Deste xeito, o director xeral sinalou que, coa publicación desta orde, cúmprese coa posta en marcha de ambos rexistros recollida na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa previsión de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025, que permitirán mellorar a xestión de arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais.

 

Concretamente, as agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. Ademais, as agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas.

 

Así as cousas, Chan incidiu en que as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

 
Plan Forestal de Galicia 2021-2040
 

Durante a súa intervención, o director xeral tamén abordou as grandes cifras do Plan Forestal de Galicia (PFG) 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que contempla un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos, incluíndo tanto fondos públicos como financiamento privado dos titulares ou xestores do monte. Esta é unha das grandes cifras -dixo- do documento que se elaborou dando cumprimento ás recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento e establecendo así unha proxección do monte do futuro para dito período.

 

Tamén abordou as diferentes iniciativas nas que traballa o Goberno galego para impulsar a mellora xenética forestal e as encamiñadas a desenvolver a estratexia de dixitalización e descarbonización dos montes galegos, nas que está a traballar a Consellería do Medio Rural.

 
Enlace á orde publicada no DOG:

Departamento:
C. do Medio Rural