O titular do Goberno galego participou na presentación do libro Os Límites do Crecemento

Rueda destaca o compromiso da Xunta coa conservación do planeta para deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións

Agradece aos profesores Juan Casares Long e José A. González a tradución deste clásico da investigación científica. “Grazas por facer esta pequena aventura de traducir este libro ao galego”, di

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, durante a presentación do libro Os Límites do Crecemento, o compromiso da Xunta coa conservación do planeta para deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións.

A este respectou, explicou que esa implicación da Administración galega con facer un mundo máis sostible reflíctese na Estratexia galega de economía circular 2020-2030, a Lei de residuos e solos contaminados ou as medidas para loitar contra o cambio climático como a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, o Pacto das Alcaldías para o Clima, a Alianza Galega polo clima ou a futura Lei do clima de Galicia.

Nese sentido, Rueda reflexionou sobre a necesidade de adoptar medidas, entre todos, para non chegar ao colapso do que advirte o informe e ante os sinais de SOS que o planeta está a lanzar nos últimos anos como o feito de que Galicia, que é o país dos mil ríos e tradicionalmente de choivas, estea a ter episodios de prealerta de seca.

“Avisos temos dabondo, a responsabilidade das Administracións é intentar aplicarnos nas políticas e facer pedagoxía”, afirmou, amosando a importancia de dar exemplo nas decisións que se toman para que os cidadáns se conciencien de que se trata dun labor colectivo.

Por último, agradeceu aos profesores Juan Casares Long e José A. González a tradución desta obra á que cualificou como un clásico da investigación científica que soubo adiantarse aos retos que ía ter por diante a humanidade. “Grazas por facer esta pequena aventura de traducir este libro ao galego”, abundou.

Imaxes relacionadas