A Xunta reforzará os servizos e optimizará as frecuencias nas liñas de autobús entre Portomouro e Santiago para atender a demanda das parroquias do norte de Ames

Entre as melloras nas que está a traballar recóllese un novo servizo ás 13,00 horas de Santiago a Portomouro, atendendo á solicitude do Concello de Ames

Os servizos da primeira hora da mañá reforzaranse en tempada non lectiva cunha expedición ás 07,30 horas de Portomouro a Santiago, máis cedo das actuais

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022 A Xunta está a ultimar unha mellora dos servizos de autobús entre a localidade de Portomouro, no concello de Val do Dubra, e Santiago de Compostela, para reforzar os horarios con demanda e optimizar as frecuencias nas liñas que atenden distintas parroquias da zona norte de Ames.

 

Entre as melloras nas que está a traballar o Goberno galego co operador titular da concesión da que forman parte estas conexións recóllese un novo servizo ás 13,00 horas de Santiago de Compostela a Portomouro, que funcionará de luns a venres durante todo o ano, atendendo á solicitude trasladada polo Concello de Ames.

 

Tamén se engade en tempada non lectiva unha expedición de Portomouro a Santiago de Compostela que reforzará os servizos á primeira hora da mañá de luns a venres cun horario de saída máis cedo, ás 07,30 horas.

 

As modificacións deseñadas prevén outros axustes para optimizar o funcionamento xeral dos servizos que conectan as localidades de Portomouro con Santiago de Compostela e atenden as localidades de San Mamede de Piñeiro, Covas, Vilouta, Tapia, Cruxeiras e Augapesada, no concello de Ames.

 

Con este obxectivo, algúns dos horarios nos dous sentidos en tempada non lectiva terán unha variación de entre 5 e 30 minutos. Ademais, en dous servizos ao día, engadiranse novas paradas nas parroquias da zona norte de Ames á liña que conecta Santa Comba con Santiago de Compostela.

 

A Xunta  concretará e informará de todos os axustes deseñados ao Concello de Ames antes de que remate o mes de xuño.