A Xunta destaca a súa colaboración coa Asociación clúster da biomasa de Galicia para o impulso desta fonte de enerxía no ámbito rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, clausurou hoxe a asemblea xeral desta entidade

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, clausurou hoxe a asemblea xeral do clúster da biomasa de Galicia. Neste acto, puxo en valor o convenio de colaboración asinado entre esta entidade e a Xunta para por en marcha unha serie de accións que melloren e actualicen a vida e a industria rurais mediante o fomento da biomasa local e outras enerxías sostibles que garanten a súa autosuficiencia enerxética.

O acordo compromete a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e ao Clúster a apoiar os diferentes proxectos privados que se fagan para mellorar a valorización como fonte de enerxía renovable e autóctona da biomasa, así coma para potenciar a bioenerxía. Así mesmo, ambas entidades explorarán formas de financiar proxectos estratéxicos de interese mutuo, cunha énfase en implementar bioenerxía no rural e divulgar conxuntamente boas prácticas e proxectos innovadores de economía circular neste eido.

O convenio pretende ademais cubrir necesidades coma a de avaliar a situación e o potencial da biomasa a nivel autonómico ou a de conseguir un desenvolvemento sostible que axude ademais a reducir as emisións de carbono. Nisto será clave o ámbito rural, xa que a biomasa é unha fonte de enerxía cun potencial significativo nel, e á súa vez as zonas rurais constitúen elementos esenciais na loita contra o cambio climático e no logro dun desenvolvemento sostible a escala local.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural