Alumnado do Centro de Formación A Aixola realiza varias pezas con material reciclado para a asociación de comerciantes e industriais de Marín

A escola adscrita á Consellería do Mar acolleu o acto de entrega das figuras, unha cigala e dous bacallaus de grandes dimensións, que se exporán durante a festa que o concello dedica cada ano á exaltación do crustáceo

O centro finalizou este mes a actividade formativa e retomaraa en setembro con novos cursos destinados a persoas vencelladas co ámbito marítimo-pesqueiro
 

Marín (Pontevedra), 14 de xuño de 2022.-

 Alumnado do curso de modelado manual de poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval que se imparte no Centro de Formación A Aixola realizou con material reciclado unha cigala e dous bacallaus de grandes dimensións que foron doadas hoxe á Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín (Acima). O acto de entrega estivo presidido pola directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda.

Nos traballos para a recreación do crustáceo e dos peixes colaboraron alumnos de diferentes edicións do curso que empregaron materiais reciclados e aproveitados de diversos  proxectos que se acometen no centro de formación, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar.

O alumnado foi tamén responsable do deseño das pezas, feitas sobre molde perdido e empregando a técnica de laminado de modo artesanal. As tres representacións de produtos do mar serán empregadas como decoración e expostas durante a Festa da Cigala de Marín, que en xullo acada a súa XXVI edición.

Os participantes no curso de modelado manual de poliéster para pezas de acuicultura e construción naval reciben formación para desempeñar as tarefas de técnico de composites e modelista laminador de poliéster reforzado con fibra de vidro. Trátase dunha formación moi demandada debido á alta inserción laboral do alumnado.

A actividade formativa no centro rematou na primeira semana de xuño, pero en setembro está previsto que se retomen as clases. Entre os cursos previstos está o necesario para obter o certificado de profesionalidade en operacións auxiliares de elementos estruturais e de recubrimento de superficies de embarcacións (280 horas); o curso de electricidade e hidráulica básica (275 horas) e o certificado de profesionalidade en confección e mantemento de artes e aparellos (330 horas). Toda a información da oferta está dispoñible na web da Aixola.

Imaxes relacionadas