A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria

A Xunta solicita que o Goberno de España constitúa un grupo de traballo para compartir a información sobre a A-6 coa administración autonómica, o sector empresarial e loxístico e os concellos afectados

Ethel Vázquez pediu ao Executivo central transparencia e solucións áxiles ante o colapso do viaduto do Castro

Solicitou que se aclare se o colapso ten que ver co sistema construtivo empregado na estrutura e se ese mesmo procedemento se usou en autovías estatais como a A-52

A Coruña, 14 de xuño de 2022 A Xunta pediulle hoxe ao Goberno de España a constitución dun grupo de traballo que permita compartir información sobre a A-6 coa Administración autonómica, o sector empresarial e da loxística e todos os concellos implicados.

 

Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou na Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria.

 

A conselleira insistiu en que cómpre que o Goberno central ofreza información puntual, veraz e coa máxima transparencia á cidadanía sobre as causas do desprendemento do viaduto do Castro da A-6 para non xerar inquedanza sobre un asunto moi grave que afecta á seguridade viaria.

 

Manifestou a preocupación da Xunta polo acontecido, tanto no sentido de que se descoñece o que pasou como no relativo ás consecuencias, pois varias localidades teñen que soportar o tráfico derivado do peche, pola afección a sectores produtivos e ao tráfico de transporte por mercadorías, especialmente aos transportes especiais.

 

A conselleira formulou no encontro “as preguntas que a Xunta se tería feito a si mesma” de ter acontecido isto nunha estrada de titularidade autonómica, inquirindo ao Goberno central se o sistema empregado no viaduto do Castro, de dovelas prefabricadas con pretensado exterior, ten que ver co colapso da ponte.

 

Pediu que se comunique se hai máis pontes na A-6 con esa tipoloxía de dovelas e se ese sistema construtivo se empregou nalgunha outra autovía estatal en Galicia, como a A-52. A ese respecto, informou de que nas estradas autonómicas non hai ningún viaduto con esa tipoloxía de dovelas prefabricadas con pretensado exterior.

 

Ethel Vázquez tamén inqueriu ao Goberno central sobre os cortes previstos nas obras que se están a efectuar na AP-9 para a construción do Enlace Orbital, para saber se poden afectar ao tráfico de transportes especiais.

 

Ademais, urxiu ao Goberno central á concreción de opcións para dar unha solución aos condutores áxil, eficaz e con todas as garantías de seguridade.

 

A este respecto, preguntou se a opción do Goberno pasa por un novo viaduto no Castro ou por actuar só no vano que colapsou. Tamén trasladou a cuestión de se a construción dun viaduto pasaría por executalo todo de novo ou se se construiría mantendo as pilas actuais.

 
Plan de Seguridade Viaria 2022-2025

Na reunión da Comisión, a conselleira informou da recente aprobación do Plan de Seguridade 2022-2025, que vén de aprobar o Consello da Xunta, incorporando a “Visión Cero” vítimas nas estradas autonómicas e o concepto “sistema seguro” para minimizar as consecuencias dos sinistros.

 

Os obxectivos do Plan son reducir o 25% de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas con respecto a 2019 e nas travesías; e a diminución do 25% dos falecidos e feridos graves que son usuarios vulnerables como peóns, ciclistas ou motoristas.

Para acadar eses obxectivos, o plan define 10 grandes retos e recolle 58 accións para levar a cabo a Xunta, coa colaboración doutras entidades e axentes sociais.

 

Vázquez Mourelle precisou que a Xunta continuará o Plan de reforzos de firme, que no que vai de ano xa supuxo a licitación de máis de 22 M€ en obras de mellora da rodadura, aos que se sumarán case 6 M€ para a rehabilitación do firme da autovía Santiago-Brión. Tamén apuntou ao progreso no Plan de sendas de Galicia, que desde 2016 acadou 200 km de  novas sendas nas marxes das vías, cun investimento de máis de 50 M€.

 

Ademais proseguirá o desenvolvemento da Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes, que leva mobilizado investimentos de 14,4 M€, coa previsión da realización de actuacións por importe global de 17 M€. Esta estratexia xa está a dar xa os seus froitos, pois grazas ás accións levadas a cabo reduciuse case un 60% a sinistralidade nos ‘puntos negros’ da rede viaria autonómica.

 

Tamén se fixo fincapé na importancia de continuar con campañas de concienciación, co reparto de chalecos reflectores ou os cursos de condución segura de motociclistas, dos que se teñen beneficiado 800 persoas.

 

Na reunión abordouse, ademais, a sinistralidade viaria relacionada cos atropelos de animais, polo que a través do Grupo de traballo do xabaril, capitaneado pola Consellería de Medio Ambiente, continuarán as accións de control específico desta especie.

 

A Consellería de Infraestruturas, nese eido, seguirá implementando medidas como o valado reforzado en vías con limitación de accesos, como os acometidos nos treitos da AG-64 e na vía de altas prestacións Lugo-Monforte.

 

A titular de Infraestruturas referiuse, ademais, ao reforzo da seguridade viaria nos Camiños de Santiago realizado a través de distintas liñas que suman 17,5 M€, pensando no Xacobeo. Citou as melloras das entradas en Compostela, cun orzamento de 12,6 M€; ou as 70 actuacións desenvolvidas en 2021 con 1,4 M€.

 

No marco do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, a Xunta continuará este labor para intervir en 80 novos cruces dos Camiños, nunha lonxitude de 44 km en estradas da Xunta e cun investimento de 1,7 M€. Unha liña de traballo que debería seguir tamén o Goberno de España, para adoptar medidas deste tipo nos treitos do Camiño que coinciden coas estradas nacionais, que son moitos e perigosos.

Imaxes relacionadas