A Xunta pon en valor o potencial turístico e económico da riqueza vitivinícola nas rutas xacobeas

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou na entrega de premios Gardiáns do viño no marco do Salón Profesional do Viño en Galicia Fevino 2022, desenvolvido en Santiago de Compostela co gallo do Xacobeo 21-22

No evento déuselle especial protagonismo aos caldos das diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que atravesan as rutas de peregrinación a Compostela
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na entrega de premios Gardiáns do Viño no marco do Salón Profesional do Viño en Galicia Fevino 2022. No acto, ao que tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, púxose en valor o potencial turístico e económico da riqueza vitivinícola nas rutas xacobeas.

Así, Diego Calvo referiuse á necesidade de reforzar a cultura do viño con medidas de apoio específicas, tanto por parte das administracións como do propio sector. Nesta liña, sinalou as rutas turísticas promovidas pola Xunta nas áreas das diferentes denominacións de orixe galegas e indicacións xeográficas protexidas ou o escaparate a prol da difusión e da comercialización que supón o salón que acolle ata mañá a Cidade da Cultura de Galicia.

O vicepresidente segundo agradeceulle á organización de Fevino 2022 o desenvolvemento das dúas últimas xornadas do evento na cidade de Santiago de Compostela, co gallo da celebración deste Ano Santo. Coa elección deste emprazamento búscase darlle protagonismo aos caldos elaborados nos territorios das diferentes rutas de peregrinación a Santiago, moitos deles presentes nas catas previstas.

Diego Calvo incidiu tamén na relevancia da vitivinicultura no medio rural desde o punto de vista da tradición e convidou as persoas asistentes a descubrir o patrimonio cultural e natural das comarcas vitivinícolas galegas. A intervención do vicepresidente segundo tivo lugar no decurso da entrega dos premios Gardiáns do Viño, cos que se recoñece a paixón de diversas persoas pola cultura do viño e o seu labor a prol da súa conservación e difusión.

Apoio aos consellos reguladores

Pola súa parte, nunha visita previa, o conselleiro do Medio Rural, José González, remarcou o prestixio do sector do viño galego de calidade, unha excelencia que a Xunta apoia a través de diversas vías. Así, este departamento destina este ano 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos diferentes consellos reguladores vitivinícolas galegos, así como para financiar o seu labor de control da calidade e de promoción nos diferentes mercados.

Doutra banda, José González tamén destacou a clara aposta que fai o Goberno galego pola internacionalización deste sector. Neste sentido, fixo fincapé no impulso que se lle está dando á súa exportación, sendo esta unha das liñas básicas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.

En termos semellantes, o titular de Medio Rural referiuse ao anteproxecto de lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación. Un texto que vai supoñer un importante pulo para as producións agroalimentarias galegas. Engadiu que esta norma ten como principal obxectivo conseguir para elas unha nova dimensión no mercado -tanto nacional como internacional-, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e en colaboración cos consellos reguladores dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia, participa neste encontro de Fevino cun túnel do viño, no que se poderán catar 89 referencias destes produtos. Ademais, tamén haberá unha cata dos viños premiados nas Catas de Galicia do 2021, impartida por Sarah Jane Evans. Así, o departamento que dirixe José González investiu preto de 42.000 euros na celebración destas actividades.

Imaxes relacionadas