O conselleiro do Medio Rural salientou a gran importancia do sector lácteo galego na inauguración da Xornada Técnica de Africor que tivo lugar en Lugo

A Xunta anima aos gandeiros a aproveitar as ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria para ampliar a base territorial das súas explotacións

José González destacou esta Lei de recuperación e a Estratexia de dinamización do sector como elementos de impulso deste eido produtivo estratéxico do rural galego

Puxo en valor tamén o labor da asociación Africor e da empresa pública Xenética Fontao como entidades de referencia para o control leiteiro e para a mellora da competitividade no sector

Lugo, 14 de xuño de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, inaugurou hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo a xornada técnica Africor Lugo-Vaca Pinta. Na súa intervención, destacou a Estratexia de dinamización e a Lei de recuperación da terra agraria como elementos de desenvolvemento do sector leiteiro galego.

 

Nesta liña, González animou aos gandeiros a que “impulsen as diferentes ferramentas que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, nomeadamente os polígonos agrarios”, xa que -engadiu- son “idóneos” para axudalos a dispor da base territorial necesaria para optimizar a xestión das súas explotacións.

 

Ademais, José González, puxo en valor a actuación da Xunta para facer fronte á situación de venda a perdas no sector leiteiro. Así, destacou a presión negociadora do Goberno galego sobre o Ministerio de Agricultura para o deseño e a aplicación de axudas directas en beneficio do sector na nosa comunidade. Unha presión que segundo mencionou exerceu a Xunta consciente de que Galicia fai o 40% das entregas de leite do total nacional.

 

Estas axudas directas, indicou o conselleiro, son necesarias, “pero non deixan de ser solucións a curto prazo”. Por iso, engadiu, a Xunta aprobou un paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos e para achegar liquidez ás explotacións. Así, remarcou, o anticipo das axudas da PAC xa se fixo efectivo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e ademais o Consello da Xunta vén de aprobar a inxección de liquidez ás explotacións, pola vía do financiamento de circulante.

 

Ademais, explicou González, demandouse ao Banco de España a concesión dunha moratoria dun ano por parte das entidades financeiras no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.

 

A maiores, o conselleiro trasladou que a Xunta fixo os deberes, coa posta en marcha do Observatorio da cadea alimentaria, como organismo emisor de informes sobre a situación económica do sector primario e nomeadamente do lácteo. Tamén, coa posta en marcha da unidade que asumirá en Galicia as funcións da Axencia de Información e Control Alimentario, para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas. E ademais, coa posta en marcha do Observatorio lácteo, no que se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.

 

Por outra banda, José González destacou tamén o labor das asociacións de control leiteiro Africor e da empresa pública Xenética Fontao en relación coa mellora da actividade do sector, especialmente no que atinxe ao fomento da calidade e á produción de seme sexado para Galicia e para o conxunto de España, algo, sinalou o conselleiro, “especialmente relevante que redundará de forma fundamental na mellora da competitividade das súas explotacións”.

Imaxes relacionadas