A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou hoxe 8 vivendas de promoción pública

A Xunta inviste 720.000 euros na rehabilitación de antigas casas de mestres para ofrecer en alugueiro en Cerdedo-Cotobade

Ángeles Vázquez salienta que neste momento o Goberno galego promove o remate e construción dun total de 512 vivendas de promoción pública cun investimento de 72,5 M€, principalmente nas grandes cidades galegas

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 14 de xuño de 2022

A Xunta investiu 720.000 euros na rehabilitación de antigas casas de mestres para ofrecer en alugueiro en Cerdedo-Cotobade, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a entrega de 8 das 10 vivendas reformadas, xa que dúas delas foron entregadas anteriormente.

Logo de agradecerlle ao Concello de Cerdedo-Cotobade ter cedido gratuitamente estes inmobles, a conselleira puxo en valor que estas vivendas terán unha renda mensual de entre 88 e 106 euros. Cada unha delas conta con preto de 84 metros cadrados útiles, distribuídos en dúas plantas e con dous dormitorios. Ademais, son vivendas eficientes desde o punto de vista enerxético ao contar cunha bomba de calor de aerotermia para calefacción e auga quente.
 
Nesa liña de reducir as emisións procedentes dos fogares sen renunciar ao confort, no que vai de ano xa se convocaron cinco programas, todos eles co prazo de solicitude aínda aberto, que poñen á disposición dos cidadáns a título individual e das comunidades de veciños axudas directas para apoiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética.
 
Son, en concreto: o programa de axudas a nivel de edificio, incentivos para elaboración do libro do edificio existente e para redacción de proxectos, as axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (PREE5000), o programa a nivel de vivenda —cambio de ventás—, e as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas nos ámbitos das ARI supramunicipais.
 
A Xunta segue a apostar pola vivenda pública en Galicia. De feito, segundo salientou Ángeles Vázquez “neste momento promovemos o remate e construción dun total de 512 vivendas de promoción pública cun investimento de 72,5 millóns de euros, principalmente nas grandes cidades galegas”.

Imaxes relacionadas