A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na xornada Conservación de la naturaleza desde las comunidades autónomas. La UICN como nexo de unión

A Xunta pon en valor a privilexiada posición de Galicia no mapa internacional da conservación do patrimonio natural

Ángeles Vázquez salienta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural contará este ano cun orzamento de cerca de 50 M€, un 34,3% máis que o ano anterior

O 42% do territorio galego está amparado baixo algún tipo de figura de protección como as reservas da biosfera ou a Rede Natura 2000

Oleiros (A Coruña), 14 de xuño de 2022 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor a privilexiada posición de Galicia no mapa internacional da conservación do patrimonio natural durante a súa intervención da xornada Conservación de la naturaleza desde las comunidades autónomas. La UICN como nexo de unión, organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).

 

Logo de lembrar que o ano 2022 estará marcado polos investimentos procedentes de fondos europeos para iniciativas de restauración e conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade, Ángeles Vázquez sinalou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural contará este ano cun orzamento de cerca de 50 millóns de euros, un 34,3% máis que o ano anterior, para levar a cabo actuacións nos parques naturais, o parque nacional das Illas Atlánticas, as reservas da biosfera e varios espazos da Rede Natura.

 

A conselleira tamén fixo especial fincapé no programa ‘Mil Ríos’, que, cun financiamento de 5 millóns de euros, mellorará 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos, aumentando, deste xeito, a súa resiliencia e capacidade de resposta contra o cambio climático.

 

O Goberno galego vén dando importantes pasos nos últimos anos no camiño de protexer o patrimonio natural galego. Deste xeito, aprobáronse os plans reitores e de xestión (PRUX) de cinco parques naturais e do parque nacional das Illas Atlánticas; numerosas normativas de carácter autonómico, como as leis de patrimonio natural, de benestar animal ou de pesca continental; e varios plans de conservación de monumentos naturais, como o do Souto da Retorta (Viveiro) ou o da Fraga de Catasós (Lalín), recentemente aprobado no Consello da Xunta.

 

Ademais, a Xunta mantén a súa aposta pola conservación da natureza co impulso da actividade piscícola, a conservación das nosas árbores senlleiras, a protección das especies ameazadas e o fomento do benestar dos animais de compañía.

 

A maiores, a conselleira lembrou que o 42% do territorio galego está amparado baixo algún tipo de figura de protección como as reservas da biosfera ou a Rede Natura 2000, que, cunha superficie de máis de 350.000 hectáreas, sitúa á Comunidade na medida das rexións atlánticas.

Imaxes relacionadas