A Xunta traslada en Huelva a súa aposta por unha minería sostible que contribúa a modernizar as principais cadeas de valor industrial

A nova secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia, Paula Uría, visitou esta mañá as instalacións mineiras de Riotinto

Huelva, 14 de xuño de 2022 A nova secretaria xeral de Industria, Paula Uría, achegouse esta mañá ás minas de Riotinto, en Huelva, dentro da visita institucional que está realizando estes días a Andalucía, para coñecer de primeira man os traballos que se están levando a cabo nesta explotación mineira. Así, a secretaria xeral visitou as instalacións tanto da mina como da planta e o laboratorio.

 

Paula Uría puxo en valor o labor que se está realizando en Galicia para que un sector estratéxico para a Comunidade, como é o mineiro, poida contribuír a contar cunha economía descarbonizada e dixital como require o novo modelo industrial.

 

Neste sentido, a Xunta está traballando cos diferentes axentes nunha Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia que pretende fortalecer este sector tendo en conta a súa relevancia na modernización das principais cadeas de valor industrial. Así, estanse consensuando medidas para conseguir o seu crecemento, fortalecer o talento humano e a responsabilidade social, así como alcanzar a integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio.

Imaxes relacionadas