A Xunta destaca o valor inclusivo e cultural das linguas de signos españolas na celebración do seu día nacional

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participaron no acto conmemorativo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia

O Goberno galego colabora coa entidade a través de diferentes liñas para garantir o acceso da comunidade lingüística signante aos servizos públicos e favorecer o desenvolvemento integral da poboación xorda
 

A Coruña, 14 de xuño de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participaron hoxe na celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas (LSE). No acto, organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), púxose de manifesto o valor das LSE como ferramenta fundamental para a inclusión e como patrimonio cultural.

 

Nesta liña, Diego Calvo referiuse ao apoio da Xunta á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia en diversos ámbitos e a través de diferentes liñas de colaboración. Así, no eido da xustiza cóntase con intérpretes en lingua de signos nos xulgados, tribunais, fiscais e en todos os servizos, así como coa dispoñibilidade permanente destes profesionais nas gardas.

 

Por outra banda, a través dun acordo coa Dirección Xeral de Administración Local tamén se contratan intérpretes en lingua de signos en todos os actos da Xunta. A maiores, os servizos de emerxencia dispoñen de recursos tecnolóxicos que posibilitan o acceso por parte da comunidade xorda ao 112 en igualdade de condicións ao do conxunto da poboación, a través de mensaxes e chats de texto.

 

Segundo sinalou o vicepresidente segundo, a Xunta ten como obxectivo primordial garantir o acceso da comunidade lingüística signante a todos os servizos públicos e institucionais en igualdade de condicións ás do conxunto da cidadanía. Búscase así facilitarlle á poboación xorda “a autonomía e desenvolvemento integral na sociedade, coa preservación das Linguas de Signos Españolas como principais valores”.

 

Ademais, na súa intervención Diego Calvo recoñeceu o labor desenvolvido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia na defensa dos intereses do colectivo que representa e para que viva nunha contorna accesible e inclusiva coas LSE.

 

Sensibilización e concienciación

Pola súa parte, a conselleira de Política Social e Xuventude subliñou a importancia do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas para “reivindicar, sensibilizar e concienciar a toda a sociedade na necesidade de continuar avanzando na plena inclusión das persoas xordas”. Así, agradeceu a Faxpg o seu traballo a pé de campo e o seu esforzo diario para mellorar a calidade de vida das persoas xordas.

 

Neste sentido, Fabiola García subliñou que a Xunta de Galicia mantén unha colaboración continua coa federación. De feito, o Goberno galego destina 1,3 millóns de euros ao colectivo para poñer en marcha diferentes actividades e iniciativas, entre elas destaca o financiamento de intérpretes que posibilitan a integración e a accesibilidade das persoas xordas no seu día a día.

 

Ademais diso, Faxpg, co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude, pon en marcha programas que atenden as necesidades de todas as franxas de idade, desde os máis pequenos aos maiores. Conta con servizo de logopedia ou atención psicolóxica; realiza actividades que permiten a introdución da lingua de signos de xeito lúdico aos nenos, tamén aos que escoitan, para que poidan comunicarse cos seus compañeiros xordos; ou desenvolve iniciativas para o envellecemento activo para as persoas maiores xordas.

Imaxes relacionadas