Fernández-Tapias entrega dúas novas vivendas no casco vello e reclama ao concello que deixe de boicotear a rehabilitación do barrio

A presidenta do CCVV e delegada da Xunta en Vigo firmou ante notario a venda dos inmobles de San Francisco 15 e Poboadores 70

Insiste en reclamarlle ao Concello que deixe de boicotear os orzamentos do Consorcio para continuar coa rehabilitación do barrio histórico

Vigo, 14 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, vén de formalizar ante notario a venda de dúas novas vivendas no barrio histórico, concretamente no número 15 da rúa San Francisco e no número 70 da rúa Poboadores. Os propietarios dos inmobles recibiron este martes as chaves dos seus novos domicilios tras a preceptiva firma ante notario.

 

A presidenta do CCVV destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo ente desde a súa constitución. “Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do Casco Vello, queda moito por facer”, dixo.

 

Ademais, Fernández-Tapias reclamou de novo ao Concello de Vigo que cese no seu boicot ao organismo e aprobe os orzamentos que permiten executar o plan de investimentos para rehabilitar o barrio. “É contraditorio que estean de acordo co Plan de Investimentos e que se opoñan a dotar de liquidez ao organismo para acometer as reformas”, sinalou.

 
Alugueiros de locais

Tamén lembrou que xa se está avanzando na xestión dos alugueiros para o tecido cultural da cidade pese ao “boicot e chantaxe” do Goberno local. “O organismo rehabilitador conta xa cun proxecto propio para ocupar os baixos e moitas solicitudes, polo que non imos ceder aos intentos de chantaxe e de clientelismo político por parte do Concello”, sinalou.

 

A representante autonómica lembrou que o Consorcio Casco Vello de Vigo xa propuxo hai máis de dous anos, en febreiro de 2020, alugar un total de 17 locais á Xunta de Galicia por un prezo de 24.816 euros ao ano (sen IVE). “A permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo xa bloqueou entón un gran proxecto para dinamizar o barrio. Non só oponse a licitar os alugueiros senón que votou dúas veces en contra dos orzamentos”, sinalou.

 
 
 
Rehabilitación desde 2005

Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 88 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).