As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da asociación, Roi Cuba, asinaron o convenio vía telemática

A Xunta e Adega renovan a cooperación para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto ríos’

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 € este programa de voluntariado e educación ambiental, que conta con apoio técnico do Instituto de Estudos do Territorio

A Xunta asesora e financia os programas, cursos e accións formativas que organiza Adega para achegar aos participantes o coñecemento sobre os ríos e a sensibilización sobre o seu coidado, cuxa información estará dispoñible nun portal web para a súa consulta e coñecemento cidadá

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022 A Xunta e a Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA) veñen de renovar a súa cooperación para fomentar entre a mocidade o coñecemento e coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto Ríos’.

 

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da asociación, Roi Cuba, selaron vía telemática o convenio que mantén activa a colaboración e dá continuidade a este programa de voluntariado e educación ambiental iniciado hai dezaoito anos, e no que Galicia é referencia estatal.

 

Mediante esta colaboración, a Xunta e ADEGA comparten o interese común no desenvolvemento de iniciativas para incrementar o coñecemento e o coidado entre a mocidade dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto Ríos’.

 

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 euros as actividades coordinadas pola asociación ambientalista baixo o paraugas deste programa, no que o Instituto de Estudos do Territorio achega o soporte para a xeorreferenciación.

 

Esta colaboración vén avalada polas boas cifras do programa ‘Proxecto Ríos’ e a súa contribución para achegar os ríos á poboación, educar en torno á protección e conservación dos ecosistemas que os conforman, así como na sensibilización dos participantes e as súas responsabilidades, especialmente no relativo á contaminación das augas e no seu bo mantemento.

 

O acordo mantén o obxectivo de seguir incrementando a participación cidadá no programa ‘Proxecto Ríos’, a través de accións e actividades formativas cursos ou campañas de limpeza. Con estas actividades séguese afondando na toma de conciencia da importancia da protección do medio natural e no espertar dunha maior preocupación e implicación no coidado dos río entre as novas xeracións.

 

O acordo recolle, ademais, a programación do ‘Proxecto Ríos’ para este ano 2022, no que se inclúen as actividades de formación e acompañamento, ou o encontro dos voluntarios, actividade que nos últimos anos ten como formato a descuberta de biodiversidade na contorna fluvial.

 

Deste xeito, neste acordo, xunto ás campañas de primavera e do outono, inclúense entre outras actividades, a limpeza simultánea de ríos, roteiros ou saídas puntuais para realizar rutas de sendeirismo polos ríos, e xornadas de formación de coordinadores do ‘Proxecto Ríos’.

 

Coa renovación da colaboración mantense a prestación de apoio e asesoramento por parte da Xunta aos programas formativos que desenvolva Adega.

 

Ademais, Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e Adega manterán a colaboración na elaboración da lista que determine os treitos fluviais prioritarios para acadar a máxima eficiencia no desenvolvemento das actividades programadas de limpeza e de inspeccións.

 

Tamén se inclúe neste acordo a elaboración de materiais e infografías que melloren a divulgación dos obxectivos do proxecto, así como a posta en funcionamento dunha aplicación móbil para que o voluntariado poida recoller a información das inspeccións en diferentes dispositivos móbiles.

 

Toda a información sobre a evolución deste programa estará dispoñible no xeoportal do ‘Proxecto Ríos’, creado para a divulgación á sociedade do estado de saúde dos ríos inspeccionados polo voluntariado. Ademais, toda a documentación xerada e as actividades realizadas manteranse actualizadas na páxina web www.proxectorios.org, para a súa consulta e mellor coñecemento cidadá.