Emigración convoca a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para o próximo 8 de xullo

O DOG publica hoxe a convocatoria desta reunión que se celebrará a véspera do Día da Galicia Exterior e que, por primeira vez en dous anos, poderá ser presencial

 Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022.- O Diario Oficial de Galicia fixo pública a convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que se poderá realizar de xeito presencial, por primeira vez en dous anos, o próximo 8 de xullo, previa ao VI Día da Galicia Exterior. Dende o 2020, celebráronse cinco reunións da Comisión Delegada, todas elas, de xeito telemático.

 

Este encontro supón unha continuidade no traballo permanente de contacto coas comunidades galegas do exterior no que se analizará a situación na que se atopan estas colectividades, así como a aplicación dos diversos programas sociais que se están a levar a cabo para apoiar aos galegos con maiores necesidades.

 

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membro nato do organismo atópase a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.

 

A Comisión, que se reúne con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano, está presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, como vicepresidente.