A Xunta aposta polo reforzo da cooperación transfronteiriza a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión co presidente da CCDR-N, António Cunha para, entre outros asuntos, abordar a nova convocatoria do POCTEP do período 2021-2027 co obxectivo de manter o liderado na captación de fondos europeos en proxectos transfronteirizos

No encontro tamén se fixo balance do Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal que permitiu presentar 11 iniciativas conxuntas coas que captar 29M€ dos fondos Next Generation para facer fronte aos efectos da covid

A cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal continúa tamén no ámbito educativo cunha nova edición do programa de mobilidade académica “Iacobus”, no eido cultural co proxecto “Nortear” e no turístico con “Facendo Caminho”
 

 

 Porto (Portugal), 13 de xuño de 2022 O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión co novo presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha. No encontro, ao que tamén acudiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, abordáronse os proxectos conxuntos transfronteirizos previstos no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de facer fronte aos desafíos tras a pandemia do coronavirus e na captación de fondos europeos para iniciativas comúns.
 

Segundo apuntou o vicepresidente segundo da Xunta, Galicia e o Norte de Portugal fortalecerán as boas relacións e a colaboración destes anos no ámbito da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos cidadáns a ambos lados da raia.

 

Entre os asuntos tratados, a Xunta e o Norte de Portugal coinciden en avanzar na preparación da participación da Eurorrexión en proxectos conxuntos cos que optar aos fondos do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) no período 2021-2027.

 

A aprobación do novo programa está prevista para finais deste ano coas primeiras convocatorias. Este POCTEP 2021-2027 terá como eixos traballar por unha Europa máis intelixente, verde e baixa en carbono, social e próxima e cunha maior cogobernanza.

 

Entre as súas prioridades en torno as que deberán xirar as iniciativas presentadas inclúense as relacionadas coa competitividade, a dixitalización e o I+D+i das empresas; a especialización intelixente; a transición ecolóxica, o cambio climático e a biodiversidade; a despoboación e o acceso a servizos, o desenvolvemento integrado e sostible e a gobernanza.

 

Galicia e o Norte de Portugal esperan manter a posición de liderado do anterior período entre 2014 e 2020, no que se captaron un total de 135 millóns de euros para a posta en marcha de 80 proxectos.

 

En liña co POCTEP, a Xunta e a CCDRN adiantáronse coa aprobación o pasado xullo do Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como un instrumento de planificación conxunta dos investimentos da Eurorrexión que no próximo período financeiro apostará pola innovación, a ecoloxía, a cohesión e o desafío demográfico.

 

Cómpre lembrar que no marco da cooperación transfronteriza púxose en marcha o Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal con Galicia. O texto foi elaborado pola AECT da Eurorrexión en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza para dar resposta aos efectos da covid e do peche de fronteiras durante o confinamento. Así, presentáronse 11 iniciativas por 29 millóns de euros que o Goberno galego trasladou ao Executivo central para a súa incorporación no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia de España nos fondos Next Generation.

 

Na reunión de hoxe abordáronse ademais as propostas consensuadas entre a Xunta e o Norte de Portugal que se avaliaron no Cumio Ibérico celebrado o pasado outubro entre os gobernos de España e Portugal. Nesta liña, ambas institucións seguen a reclamar un a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción da saída sur de Vigo para prolongar esta liña, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o noreste portugués.

 
Balance AECT

Por outra banda, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal publicou este ano novas convocatorias do programa de mobilidade académica Iacobus para estadías, publicacións científicas e patentes. Tamén continúa a fomentar o intercambio no ámbito cultural a través do proxecto Nortear e no turístico co programa Facendo Caminho mediante a consolidación das rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión.

Nos proxectos levados a cabo destacan tamén os Job Days cos que fomentar a mobilidade e o emprego na Eurorrexión ou o programa B-Solutions con proxectos destinados a identificar obstáculos á cooperación transfronteiriza.

A AECT da Eurorrexión ten como finalidade principal facilitar e fomentar a cooperación territorial e institucional para axudar a eliminar as barreiras físicas e burocráticas e contribuír a mitigar as fronteiras co funcionamento dunha Eurorrexión transfronteiriza efectiva.

Imaxes relacionadas