A Xunta actualiza o programa de atención ao infarto que permitiu reducir os tempos medios de atención sanitaria nos últimos anos

O obxectivo de Progaliam é mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con infarto agudo, así como promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario, independentemente do emprazamento xeográfico do doente

En Galicia, o tempo medio desde o electrocardiograma de diagnóstico ata a apertura da arteria sitúase 20 minutos por debaixo do indicador de calidade da Sociedade Española de Cardioloxía 
 
O lapso entre o primeiro contacto médico e a chegada á sala de hemodinámica tamén se reduciu en case 10 minutos, nos últimos 5 anos

A Xunta destinará case 6 millóns de euros, procedentes dos fondos europeos Next Generation, á ampliación e renovación das salas de hemodinámica dos hospitais galegos
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, clausurou esta mañá na Coruña a xornada de actualización do Programa Galego de Atención ao infarto de Miocardio ‘PROGALIAM 2022’, co que a Xunta de Galicia conseguiu reducir os tempos de atención sanitaria nos últimos anos.

As enfermidades coronarias son unha prioridade para o Servizo Galego de Saúde ao representar a primeira causa de morte no mundo. Porén, no ano 2005 Galicia foi pioneira ao converterse na primeira comunidade pluriprovincial en contar cunha rede específica destinada a identificar e atender de xeito precoz aos pacientes que sofren un infarto de miocardio.

PROGALIAM ten definido como obxectivo mellorar a expectativa e a calidade de vida dos pacientes con infarto agudo, ademais de promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario público galego, independentemente do emprazamento xeográfico do doente.

Como é sabido, os tempos de resposta asistencial xogan un papel fundamental neste tipo de accidentes cardiovasculares. Así, durante os últimos cinco anos, a aplicación deste programa e o traballo coordinado dos profesionais do Sergas permitiu reducir en case 10 minutos -até os 72’-, o tempo medio que transcorre desde o primeiro contacto médico até a chegada á sala de hemodinámica.

Do mesmo xeito, outros dos indicadores que avalía o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio (REGALIAM), é o que mide o tempo que vai desde a realización do electrocardiograma de diagnóstico ata o momento da apertura da arteria responsable do infarto. Neste caso, os datos do ano 2021 reflectiron de novo o tempo de actuación máis curto desde a creación do rexistro no ano 2015, con 99 minutos de media. Estes díxitos, permiten que Galicia se sitúe 21 minutos por debaixo do estandar de calidade establecido pola Sociedade Española de Cardioloxía, fixado en 120 minutos.

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores; e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o titular da carteira sanitaria da Xunta agradeceu o labor do conxunto de profesionais sanitarios que interveñen en PROGALIAM, destacando o labor do persoal do 061, e dos servizos de atención primaria, cardioloxía, urxencias, medicina intensiva, así como da propia administración sanitaria.

No que atinxe á actualización do programa, explicou que este documento “non troca os seus obxectivos, senón que achega unha serie de adaptacións técnicas, arredor da máxima precisión nos conceptos e do arsenal terapéutico e que se adapta ás novas guías europeas”. Así, agradeceu a súa elaboración ás tres sociedades científicas galegas de medicina de familia e atención primaria: SEMG, SEMERGEN e AGAMFEC; a Sociedade Galega de Cardioloxía SOGACAR; e a Sociedade de Medicina de Urxencias e Emerxencias SEMES.

6 millóns de euros para equipar e renovar as salas de hemodinámica

O conselleiro de Sanidade precisou que é necesario seguir avanzando para facer fronte á principal causa de morte na poboación pois, entre os anos 2015 e 2021, REGALIAM rexistrou un total de 7.661 casos na nosa comunidade. Deles, máis do 93% tiveron como resultado unha reperfusión mediante anxioplastia primaria (cateterismo para desbloquear as arterias e restaurar o fluxo sanguíneo).

Esta intervención, considerada como a máis axeitada na meirande parte dos casos, ten como requisito contar cunha sala de hemodinámica. Porén, o Executivo galego ampliou os horarios destas salas ás 24 horas do día, nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense.

Ademais, co ánimo de seguir a mellorar os datos da calidade asistencial do Servizo Galego de Saúde, García Comesaña avanzou na xornada de hoxe que a Xunta ten decidido empregar parte dos Fondos Europeos Next Generation para mellorar o equipamento nas salas de hemodinámica do hospitais galegos.

Así, anunciou que ao longo deste mes, a Xunta destinará case 6 millóns de euros á ampliación e renovación das salas de hemodinámica dos hospitais galegos. Un novo contrato, abundou o conselleiro, que “permitirá incorporar unha nova sala de hemodinámica no hospital pontevedrés de Montecelo e renovar outras seis: dúas na área sanitarias da Coruña, dúas na de Vigo, unha en Santiago e outra en Ourense”.

Imaxes relacionadas