A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo reuniuse esta fin de semana coa presidenta do Consello Europeo de Arquitectos, Ruth Schagemann

A Xunta comparte co Consello Europeo de Arquitectos os avances na elaboración da primeira Lei galega sobre a materia

Bruxelas, 13 de xuño de 2022

  A Xunta comparte co Consello Europeo de Arquitectos os avances na elaboración da primeira lei galega sobre a materia, unha norma actualmente en redacción e impulsada polo Goberno autonómico co reto de converter á Comunidade nun referente neste eido.

 

Durante un encontro mantido no marco do Festival da Nova Bauhaus Europea en Bruxelas, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á presidenta do Consello Europeo de Arquitectos, Ruth Schagemann, que o Goberno galego quere situar a arquitectura no ordenamento xurídico galego, dando resposta ao interese público e social que así o demanda e co fin de que esta disciplina se integre nos plans, programas e proxectos que afectan ao medio construído.

Cómpre lembrar que, a día de hoxe, só Cataluña conta cunha norma propia neste eido e a Lei de arquitectura estatal atópase actualmente en tramitación. De feito, a futura normativa galega aspira a ser máis ampla e a ter un alcance maior que a de ámbito estatal, ao regular as particularidades dos contratos de servizo do proceso arquitectónico, entre outras cuestións.

Ademais, a directora xeral expuxo na xornada de clausura do Festival o proxecto de recuperación paisaxística, patrimonial e etnográfica realizado no entorno fluvial dos Baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade.

 

Durante o evento, que contou coa participación da comisaria europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, Encarnación Rivas incidiu en que neste proxecto se puxeron en práctica os valores da Nova Bauhaus europea: sustentabilidade, inclusión e beleza. E, ademais, cumpre tamén o obxectivo da Comisión Europea de reconectar á cidadanía coa natureza.

Imaxes relacionadas