A Xunta adxudica por máis de 1,5 M€ as obras de execución da nova senda e da mellora da seguridade na estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro, en Poio

Construirase un itinerario de máis de 1,6 km e actuarase no treito de concentración de accidentes en Fontenla, mellorando as interseccións para o calmado do tráfico

A Consellería de Infraestruturas prevé iniciar os traballos a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.513.491 € as obras de execución da nova senda e a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio.

 

Os traballos, cuxo contrato de adxudicación foi xa formalizado coa empresa Construcciones y obras Taboada Ramos S.L.U., comezarán a finais do verán e terán un prazo de execución de 18 meses. 

 

A actuación contratada na PO-308 consiste na construción dunha nova senda no treito entre Fontenla e Combarro, ademais de intervencións para eliminar un treito de concentración de accidentes existente na zona de Fontenla.

 

Trátase dunha intervención que redundará na mellora da seguridade viaria e favorecerá que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro por esta vía autonómica que soporta un tráfico elevado, especialmente no verán, unha media de 12.000 vehículos/día.

 

Habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, de algo máis de 1,6 km de lonxitude. O itinerario discorrerá, na maior parte, pola marxe esquerda da vía, aínda que tamén se executará un pequeno treito pola marxe dereita, entre a glorieta existente e o acceso ao IES de Poio.

 

A senda, que irá paralela á PO-308, terá un ancho mínimo de 2,2 metros, estará separada da estrada por un bordo de formigón e irá sobreelevada uns 10 centímetros, para garantir maior seguridade. Para salvar o rego da Cancela, executarase unha pequena pasarela en voadizo e habilitarase un novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca.

 

Completarase a actuación coa adaptación da rede de drenaxe e as canalizacións de abastecemento, electricidade e iluminación. Ademais, dotarase o itinerario de zonas axardinadas, con rego na zona do miradoiro.

 

Tamén se instalará mobiliario urbano: bancos de madeira, papeleiras e unha fonte. Ademais, disporanse 4 novas marquesiñas nas paradas de autobús e colocarase varanda de protección na pasarela sobre o rego da Cancela, así como un valo de madeira na senda que conecta co parque da Seca e na zona do miradoiro.

 

A intervención inclúe a mellora das interseccións dese treito, entre elas, a de acceso ao IES de Poio, con intervencións para ampliar o abanico de xiro, e que os xiros sexan menos bruscos e máis seguros.

 

Tamén se reducirán os xiros á esquerda, dispoñendo cuñas de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións á estrada; e habilitaranse 2 glorietas, unha delas de acceso á zona da Seca. Estas medidas, xunto coa redución de velocidade, contribuirán ao calmado do tráfico neste treito.

 

A Xunta está a mobilizar case 20 M€ nun amplo conxunto de actuacións, xa en servizo ou en proxecto, para que esta estrada PO-308 sexa máis segura e funcional, converténdoa en referencia de seguridade viaria nas vías de titularidade autonómica.