O 061 de Galicia asistiu 82 persoas por 57 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 10 de xuño ata as 23,59 horas do domingo, 12 de xuño, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 82 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 13 de xuño de 2022 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 82 persoas debido a 57 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 10 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 12 de xuño. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 26 accidentes de tráfico.

 

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 71 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 57 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 82 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59% e do 41% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 27% dos atendidos tiña entre 30 e 49 anos.

 

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 25 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
17
Lugo
7
Ourense
8
Pontevedra
25
Galicia
57
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 76. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 62 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.

 

En 50 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 31 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Imaxes relacionadas