A Xunta continúa a loita contra a trata e a explotación sexual das mulleres con dous novos convenios de colaboración con Cáritas para a atención das vítimas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concederalle a Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense 20.000€ a cada unha para apoiar os dispositivos de atención ás vítimas de trata

Os servizos que prestan as dúas entidades inclúe apoio para a recuperación e restablecemento das vítimas, aloxamento e asesoramento legal, psicolóxico e médico
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2022

A Xunta vén de asinar dous convenios de colaboración coas Cáritas diocesanas de Santiago de Compostela e de Ourense para apoiar os dispositivos cos que conta na atención e acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e trata. A través destes convenios, apóianse as entidades nos seus servizos de apoio á recuperación e restablecemento das vítimas, aloxamento e asesoramento legal, psicolóxico e médico.

Esta iniciativa consolida o compromiso da Xunta coa loita contra a trata e a explotación sexual das mulleres. As mulleres e nenas vítimas de trata e explotación sexual son consideradas desde 2016 como vítimas de violencia de xénero en Galicia. Desta maneira, este colectivo de especial vulnerabilidade tamén pode acceder ao resto de programas, servizos e axudas como calquera outra vítima de violencia de xénero.

A Xunta tamén se atopa en pleno trámite para analizar as alegacións dos órganos e entes adscritos á mesma do que será o I Plan galego contra a trata, un claro compromiso para actuar contra toda aquela actividade de trata e explotación sexual de mulleres e nenas e para axudar de xeito eficaz ás vítimas na súa posterior recuperación.

Na sinatura destes convenios de colaboración, que estarán vixentes ata o próximo 31 de xaneiro de 2023, participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, e os representantes de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense, José Anuncio Mouriño Rañó e María Tabarés Domínguez, respectivamente.

Imaxes relacionadas