Galicia rexistra un total de 8.853 casos activos por coronavirus

Un total de 614.518 pacientes xa están curados

A día de hoxe hai 8.404 pacientes en seguimento nos seus domicilios

O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022.- A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.853 deles 1.880 son da área da Coruña, 886 da de Lugo, 1.247 da de Ourense, 951 da de Pontevedra, 1.915 da área de Vigo, 1.532 da de Santiago e 436 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 434 en unidades de hospitalización e 8.404 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 614.518 persoas curadas, rexistrándose 3.540 falecementos. 

Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus foron:

Día 9 de xuño:

Muller de 93 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee.

 

Día 10 de xuño:

Muller de 56 anos, na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Home de 82 anos, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

 

As persoas falecidas tiña patoloxías previas.

 

O número de PCR realizadas é de 3.916.185.

 

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.671.523.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade permanece en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

 

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e 881 54 00 45 para información covid

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas a covid-19. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras

As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, terán a súa disposición dúas modalidades para poder facelo dun xeito sinxelo. En primeiro lugar, a través da aplicación SergasMóbil, tal e como se explica no seguinte vídeo, ou ben, chamando ao número de teléfono 881 540 045.

Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Imaxes relacionadas